Volver

16 de Maio

Prescritores ingleses encomian a calidade e variedade dos viños da D.O. Rías Baixas

16 de maio de 2018.- A Denominación de Orixe Rías Baixas recibiu estes días a visita de cinco prescritores de Reino Unido. Simon Woods, David Kermode, Rebecca Dunphy, Tom Surgey e Alex Glidewell foron os participantes na misión inversa e que lles levou a visitar adegas inscritas localizadas en distintas subzonas.

O percorrido pola Denominación de Orixe concluíu hoxe pola mañá cunha cata na sede do Consello Regulador e a última das visitas a unha adega de Val do Salnés. As 15 referencias degustadas pertencen ás adegas participantes no Plan promocional de Reino Unido.

Os participantes coincidiron á hora de encomiar a alta calidade e a gran variedade dos viños da Denominación de Orixe Rías Baixas. Neste sentido, Tom Surgey definiu as distintas elaboracións en xeral como “elegantes”, á vez que se mostrou moi sorprendido polas amplas posibilidades de elaboración que permiten as diversas variedades de uva utilizadas nos distintos viños amparados.

Durante a súa viaxe polas distintas subzonas, os cinco prescritores tiveron a oportunidade de coñecer in situ como os viños de Rías Baixas son o fiel reflexo do terroir no que crecen os viñedos. Ademais, comprobaron os distintos métodos de elaboración e o traballo desenvolvido tanto en adegas de gran produción como naquelas dun carácter máis familiar. Unha variedade que sorprendeu a todos moi gratamente e que complementou, ademais, a degustación das distintas elaboracións catadas nestas tres xornadas.

Reino Unido, segundo mercado externo
Reino Unido é o segundo mercado externo máis importante da Denominación de Orixe Rías Baixas. Non en balde, o pasado ano exportáronse a este país máis de 1,4 millóns de litros, o que supón un incremento dun 37,7% con respecto ao exercicio 2016, alcanzando un valor de 6,7 millóns de euros. Deste xeito, as vendas en Reino Unido consolidáronse a pesar da incerteza que xeraba o Brexit.

Precisamente pola gran importancia deste mercado externo, o Consello Regulador conta cun plan de promoción específico para este país. Ademais de poñer en marcha misións inversas con prescritores como a que finalizou hoxe, tamén se desenvolven diverso tipo de iniciativas promocionais co fin de estender o coñecemento dos viños desta Denominación de Orixe entre os profesionais do sector e entre os consumidores. Entre as máis inmediatas, destaca a London Wine Fair, que se desenvolverá entre os días 21 e 23 de maio, cita na que o Consello Regulador participa cun espazo propio desde hai xa varios anos.

Participantes na misión inversa

Simon Woods. Escritor do blog Drinking Outside The Box, Simon Woods tamén foi o coordenador do certame de carácter anual International Wine Challenge. Ademais, foi columnista para a revista The Business de The Financial Times, ademais de exercer de editor do premio anual Which Wine Guide, e de colaborar en diversas publicacións.

David Kermode. Periodista e escritor que se confesa namorado do mundo do viño, algo que o inspirou para crear Vinosaurus. Escribe para numerosas publicacións e portais dixitais, entre os que se atopan The Buyer for the Premium on trade e Drink me Magazine.

Rebecca Dunphy. É a escritora especializada en viños da revista Sainsbury e desenvolve a web dedicada a eventos relacionados co mundo enolóxico sniffandspit.com.

Tom Surgey. É un experto en viños e presentador en masterclasses e en eventos de maridaxe ao longo de todo o país. Dirixe o luxoso English Sparkling Wine e parte do equipo de Oz Clarke, Olly Smith e Tim Atkin’s no Three Wine Men Tour.

Alex Glidewell. Responsable de viños e espirituosos en Harvey Nichols Leeds.