Volver

02 de Febreiro

Récord de vendas dos viños da Denominación de Orixe Rías Baixas en 2021 con case 37 millóns de contraetiquetas

O Consello Regulador da Denominación de Orixe Rías Baixas pecha o exercicio 2021 cunhas cifras de vendas históricas: 36.730.041 contraetiquetas expedidas polo Órgano de Control e Certificación, un 14,63% máis que o exercicio anterior. Uns datos récord tamén en canto aos litros verificados por este departamento, que ascenderon a 27.547.531 l. Estes números auguran un bo comportamento dos viños desta Denominación de Orixe para o presente exercicio 2022.

Os viños da D.O. Rías Baixas manteñen a súa tendencia ascendente a pesar da crise sanitaria e da incerteza económica vivida durante o pasado ano. Esta mostra de fortaleza é posible grazas ao esforzo dun sector cohesionado, adegas e viticultores, que seguen apostando pola calidade e versatilidade dos seus viños e basean a súa estratexia no potencial das súas  variedades autóctonas e a estrutura do seu modelo produtivo.

Todo este traballo deixa patente a acertada aposta deste Consello Regulador por un modelo de produción sostible que reforza o seu vínculo co medio rural no que se asenta a denominación de orixe Rías Baixas.Nin a crise sanitaria, nin a incerteza económica, nin os aranceis impostos pola administración de EEUU aos viños, nin os desafíos do Brexit, perturbaron o desenvolvemento do sector de Rías Baixas, que unha vez máis dá mostra da súa capacidade de resiliencia #ante as dificultades que se lle presentan.