Volver

08 de Xuño

Rías Baixas é a denominación de orixe máis premiada nos Baco Colleita 2017

8 de xuño de 2018.- Os viños da Denominación de Orixe Rías Baixas obtiveron 26 medallas nos Premios Baco Colleita 2017, o que a converte na denominación con maior número de galardóns do certame enológico de viños novos organizado pola Unión Española de Catadores (UEC). A D.O. Rías Baixas posiciónase por diante da D.O. Rioja (16 medallas) e da D.O. Rueda (12).

Os viños de Rías Baixas conseguiron, ademais, as maiores distincións deste concurso: o Gran Baco de Ouro Premio Luis Hidalgo e dous Gran Baco de Ouro dos sete concedidos en total. A maiores, recibiron outros 15 Baco de Ouro, dos 63 totais, e 8 dos 39 Baco de Prata.

O xurado dos Premios Baco Colleita 2017 está integrado por cincuenta persoas, todas integrantes da UEC. Son sumilleres, enólogos, responsables de compras de tendas especializadas e directores das principais publicacións temáticas. A avaliación dos viños inscritos realízase a cegas. Trátase dunhas condecoracións de gran valor promocional, que a propia UEC potencia coa súa tradicional presentación a profesionais e amantes do vino, acto no que participarán as adegas premiadas.

O Consejo Regulador da D.O. Rías Baixas considera que este éxito nos Premios Baco Colleita 2017 confirma que nos atopamos ante unha gran colleita, tal como xa estmara o departamento técnico no peche da pasada vendima. A que foi a segunda maior colleita da historia de Rías Baixas (39,3 millóns de quilos de uva) caracterizouse por un perfecto estado fitosanitario, uns excelentes parámetros de calidade e un óptimo equilibrio entre grao e acidez.

Grandes resultados tamén nos Decanter e no Concurso Mundial de Bruxelas

Os resultados dos Premios Baco Colleita 2017 non son o único éxito recente das adegas da D.O. Rías Baixas en concursos enolóxicos de primeiro nivel.

Nos Decanter World Wine Awards, publicados hai uns días, lograron un total de 84 condecoracións, das que 3 foron de platino, 4 de ouro, 22 de prata e 51 de bronce, ademais de 4 mencións especiais. Na súa gran maioría pertencen ás colleitas 2017 e 2016, pero tamén foron premiados neste concurso internacional viños de 2015, 2014, 2012 e incluso 2009.

Pola súa parte, no Concurso Mundial de Bruxelas os viños de adegas da D.O. Rías Baixas foron recoñecidos con 17 medallas: 1 gran ouro, 7 ouros e 9 pratas. Pertencen ás colleitas 2017, 2016, 2015, 2012 e 2009.