26 de marzo de 2019.- A Denominación de Orixe Rías Baixas obtén uns bos resultados na decimosétima edición do Concurso Internacional de Viños Bacchus 2019 con 36 viños galardoados. Das 73 marcas de Rías Baixas presentadas a este destacado certame vinícola, un viño foi premiado co Gran Bacchus de Oro, un total de 17 vinos desta denominación foron galardoados co Bacchus de Ouro e 18 co de Prata. Rías Baixas mantense así como a Denominación de Orixe galega con máis medallas nesta edición.
O presidente do Consello Regulador, Juan Gil de Araujo, asistiu como representante da entidade á Cea de Gala Bacchus, celebrada o domingo 10 de marzo no Hotel Urban de Madrid, e que estivo protagonizada por 30 marcas de Rías Baixas. A esta cea acudiron os membros do xurado, entre os que se atopaban Masters of Wine, tamén Master of Sommerlier, así como responsables de compra de importantes cadeas, sumilleres e xornalistas especializados, procedentes dunha vintena de países.
O Concurso Internacional de Viños Bacchus está considerado como o maior certame vitivinícola do país. A esta decimosétima edición presentáronse un total de 1.650 viños procedentes de 18 países.
As mostras foron avaliadas por un xurado composto por 84 catadores que se deron cita entre os días 8 e 11 de marzo no Casino de Madrid. Este xurado de primeiro nivel mundial estivo liderado por Masters of Wine, Masters Sommelier, sumilleres, responsables de compras de grandes superficies e importadoras e xornalistas especializados, con nomes propios da talla de Pedro Ballesteros MW, Sarah Jane Evans MW, Kathrine Larsen MS, Guillermo Cruz, Pierre Casamayor o Rocio Amador, que foron a base dunha auténtica selección mundial de catadores. Expertos procedentes de Finlandia, Noruega, Brasil, Suecia, Dinamarca, México, Reino Unido, Irlanda, Portugal, Francia, Estados Unidos, Grecia, Italia, Bulgaria, Polonia, Australia, Alemania, Eslovaquia, Chequia, Holanda ou Suíza foron os encargados, xunto a unha nutrida representación nacional, de calificar os viños participantes en Bacchus 2019, convertindo a Madrid durante estas cinco xornadas en capital mundial do viño.
Promovido pola Unión Española de Catadores (UEC), este importante certame internacional está auspiciado pola Organización Internacional da Viña e o Viño (OIV), ademais de contar co aval da Unión Internacional de Enólogos (UIOE), da Federación Mundial de Grandes Concursos de Viños e Espirituosos (VINOFED) e co recoñecemento oficial do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación.