11 de setembro de 2018.- Seis prescriptores de Estados Unidos visitan esta semana a Denominación de Orixe Rías Baixas. Rick Fisher, Michael Meagher, Carolyn Hermann, Amber Rill, Rebecca Murphy e Kathleen Thomas son destacados profesionais especializados do sector interesados en coñecer o traballo desenvolto neste territorio, así como ampliar os seus coñecementos sobre os viños que elabora a denominación.
O percorrido comezou onte cunha experiencia a pé de viñedo, onde os participantes tiveron a oportunidade de experimentar como se efectuará a recollida de uva na D.O. Rías Baixas. “Trátase dun traballo moi intenso e duro… Definitivamente, axudoume a aprezar aínda máis os viños”, asegura Rick Fisher.
Neste mesmo sentido pronunciouse Rebecca Murphy, crítica de viños, quen se confesou como unha “namorada dos Albariño Rías Baixas. É a primeira vez que visito Rías Baixas e ter a oportunidade de coñecer o territorio e de experimentar como traballa aquí me axuda a comprender moito mellor os viños que aquí se elaboran”, asegurou.
Pola súa parte, o Master Sommelier Michael Meagher destacou que “esta oportunidade permitirame explicar mellor a profesionais e consumidores os viños de Rías Baixas e todo o traballo que hai detrás deles”.
Sorprendidos pola capacidade de garda
Os seis prescriptores tamén participaron en diversas catas de viños. Sobre elas, amosáronse moi gratamente sorprendidos pola capacidade de garda dos Albariño Rías Baixas. “É incrible como conservan esa frescura e agradable acidez co paso do tempo”, asegurou Rick Fisher.
A primeira xornada da visita dos seis prescriptores completouse cun percorrido en barco pola Ría de Arousa.
O grupo continúa hoxe o seu percorrido polas subzonas do Rosal e do Condado do Tea. Mañá concluirán a súa viaxe no Val do Salnés, onde coñecerán de primeira man o traballo do marisqueo. A experiencia completarase coa visita a distintas adegas desta subzona.
Primeiro mercado exterior
Estados Unidos é o primeiro destino dos Rías Baixas no estranxeiro. Non en van, supón máis da metade do volume global das exportacións de viños desta Denominación de Orixe. Por iso, o Consello Regulador conta cun Plan de Promoción específico neste país, que se desenvolverá a través da axencia Gregory & Vine. Ademais das visitas de prescriptores, acometerase outro tipo de accións como catas específicas, encontros con profesionais do sector ou participación en feiras.
Na actualidade, das 184 adegas adscritas a esta denominación 103 atópanse xa en plans de exportación, máis dun 56%. Destas, unhas 50 exportan os seus viños a Estados Unidos, principal mercado internacional para os viños de Rías Baixas con 2.468.535,50 litros en 2017.
Participantes
Rick Fisher. Apaixonado da cultura española, creou o proxecto Bodega: Eat. Drink. Explore. ESPAÑA! (www.bodegaspanishwine.com) en 2009. Colaborador en espazos web e publicacións sobre viños, tamén conta con diversos certificados profesionais específicos como o título de coñecementos avanzados e con méritos da Wine & Spirits Education Trust e o certificado de American Wine Expert en 2016. Actualmente, está estudando para obter a certificación de Spanish Wine Scholar da Wine Scholar Guild.
Michael Meagher. É un dos 249 Master Sommelier do mundo e conta coa súa propia consultoría, Sommelier On-Demand Hospitality Consulting. Cunha experiencia de case dúas décadas no sector, Michael Meagher ten como obxectivo dar a coñecer os mellores viños do mundo. Conta con varios títulos especializados –desde un título pola Universidade de Harvard ata un Máster da Universidade de Adelaide, en Australia do Sur, pasando por un título do Instituto Culinario de América e un Diploma da Wine and Spirits Education Trust de Londres. Ademais, publicou en diversas revistas especializadas e colabora coa Boston Sommelier Society.
Carolyn Hermann. Esta Master of Wine traballa para el Departamento de Facenda da Oficina de Impostos e Comercio de Alcohol e Tabaco de Estados Unidos. Tamén exerce como docente na Capital Wine School e ofrece os seus servizos de consultoría para adegas e profesionais da restauración, ademais de ser xurado de diversos certames de viños.
Amber Rill. É asistente do Director de Bebidas en Corkbuzz Wine Studio en Union Square e responsabilízase da área de formación de persoal e do programa de sesións formativas en viño para consumidores de Corkbuzz. Conta cunha amplia experiencia no sector, visitando diversas rexións vitícolas en Alemaña, Francia, Xeorxia, Bulgaria e tamén dentro de Estados Unidos.
Rebecca Murphy. Foi a primeira representante de viño en Texas e unha das fundadoras de The Dallas Morining News e dos TEXSOM International Wine Awards. Participou como xurado en diversos concursos nacionais e internacionais. Como crítica de viños, publicou en diversas publicacións como Wine Business Monthly e Wines & Vines, ademais de crear algunhas entradas para The Oxford Companion to Wine e para a sexta edición de The World Atlas of Wine.
Kathleen Thomas. Traballou como sumiller en Hakkasan Group (Las Vegas) e agora exerce como encargada de formación deste grupo. Actualmente postúlase como candidata para superar o exame de Master Sommelier.