A D.O. Rías Baixas esfórzase ao máximo por manter todas aquelas actividades cuxa celebración sexa posible a pesar da COVID-19. Por iso, o vindeiro xoves, 26 de novembro, desenvolverá a súa tradicional cita cos viños de garda celebrando a VIII Cata das Anadas da D.O. Rías Baixas no hotel Paseo das Artes de Madrid.
Na devandita sesión participarán un total de 80 marcas, cinco máis que na edición de 2018, pertencentes a 36 adegas. Cun estrito protocolo de seguridade e prevención contra a COVID-19, este Consello Regulador reunirá a un xurado de vinte expertos -5 integrantes do panel de cata interno do Consello Regulador e 15 profesionais externos (xornalistas, catadores…)- que valorarán as 80 mostras a concurso, todas elas de anadas de 2016 e anteriores. A Cata das Anadas, de carácter bienal, ten como obxectivo demostrar as posibilidades de garda dos viños da denominación, así como o potencial enolóxico das variedades amparadas pola D.O. Rías Baixas.
Nesta edición, os profesionais valorarán vinte e dúas mostras de 2016; 21 de 2015; trece de 2014; sete de 2013; tres de 2012; catro de 2011; cinco de 2010; unha de 2008; tres de 2007 e unha de 2005. Os viños que obteñan máis de 82 puntos serán galardoados coa Colleita de Prata. Aqueles que somen máis de 85 e menos de 92 puntos serán distinguidos coa Colleita de Ouro. E os que superen os 92 puntos recibirán como galardón a Gran Colleita de Ouro. Nesta ocasión e por cuestión de responsabilidade, non se organizará o tradicional Túnel das Anadas, que permitía aos profesionais e amantes do viño degustar todas esas colleitas anteriores dos viños de Rías Baixas participantes na Cata das Anadas.