Volver

23 de Novembro

Un total de 60 marcas da Denominación de Orixe Rías Baixas, recoñecidas na sétima edición da Cata das Colleitas

23 de novembro de 2018.- A Denominación de Orixe Rías Baixas entregou esta tarde os diplomas da sétima edición da súa Cata das Colleitas, que tivo lugar o mércores no Hotel Villa Real de Madrid e contou coa colaboración da Unión Española de Catadores. Un total de 60 marcas pertencentes a 33 adegas recibiron os distintos recoñecementos. Máis concretamente, 7 viños foron distinguidos co diploma de Gran Colleita de Ouro (ao ter conseguido unha puntuación superior a 92); 40 obtiveron a Colleita de Ouro (con entre 85 e 92 puntos) e 13 levaron a Colleita de Prata (entre 82 e 85 puntos).

 

O acto, celebrado na contorna do Castelo de Soutomaior, foi presentado pola xornalista galega Irene Lourido. Contou coa participación do presidente do Consello Regulador, Juan Gil de Araujo; o director xeral de Desenvolvemento Rural, Miguel Ángel Pérez Dubois; o deputado provincial Javier Dios e o xefe territorial da Consellería do Medio Rural en Pontevedra, Antonio Crespo Iglesias.

 

Na súa intervención, Juan Gil de Araujo felicitou a todas as adegas recoñecidas e destacou “os magníficos resultados” da VII Cata das Colleitas. “Se é certo que en cada colleita había marcas que destacaban pola súa gran calidade, sorprende quizais que as colleitas que amosaron mellor comportamento, que mellores sensacións presentaron, foron as máis vellas”, asegurou. Unha circunstancia que corrobora “non so o rigoroso traballo de elaboración que realizan as adegas da denominación, senón tamén a excelente materia prima que posuímos en Rías Baixas. Esas variedades autóctonas que miman con esmero os nosos viticultores”, engadiu.

 

Realizando un balance dos últimos anos, o presidente do Consello Regulador lembrou a “valentía e ousadía” por parte do conxunto desta Denominación de Orixe á hora de apostar, hai xa 14 anos, pola Cata das Colleitas, “un reto cheo de incógnitas e de riscos, porque era algo que ninguén fixera”. Co desenvolvemento deste proxecto conseguiuse “que hoxe o mercado entenda que non so non pasa nada por beber os nosos viños máis aló do Nadal seguinte, senón que é a partir de aí, precisamente, cando moitos deles acadan o seu punto óptimo de consumo”, concretou Juan Gil de Araujo. O presidente reiterou o seu agradecemento ás adegas por apoiar este tipo de iniciativas que buscan poñer en valor o potencial dos viños de Rías Baixas.

 

A Cata das Colleitas ten carácter bienal e o seu obxectivo é demostrar as posibilidades de garda dos viños da denominación, así como o potencial enolóxico das variedades amparadas por Rías Baixas. Na presente edición, os catadores valoraron 75 referencias de 36 adegas. Máis concretamente, vinte mostras de 2016 e outras tantas de 2015; oito de 2014; seis de 2013 e seis de 2012; tres de 2011; cinco de 2010; unha de 2009;  tres de 2007 e outras tres de 2006.

 

O xurado estivo composto por 27 expertos -9 integrantes do panel de cata interno do Consello Regulador e 18 profesionais externos (xornalistas, sumilleres…)-. Todos eles coincidiron á hora de louvar a altísima calidade das mostras presentadas, ao tempo que ratificaron a excelente capacidade de envellecemento dos viños da Denominación de Orixe Rías Baixas.

 

Ademais da propia cata, a xornada en Madrid complementouse cun Túnel das Colleitas, celebrado por terceira vez consecutiva no Hotel Villa Real. Máis de 250 prescriptores do sector madrileño tiveron a oportunidade de degustar as 75 marcas presentadas a este certame.