Volver

27 de Setembro

Unha decena de importadores asiáticos interésanse por ampliar o seu portfolio de viños da D.O. Rías Baixas

Unha decena de importadores asiáticos participan hoxe e mañá na misión comercial inversa organizada pola  Cámara de Comercio de Pontevedra, Vigo e Vilagarcía de Arousa, en colaboración co Consello Regulador da D.O. Rías Baixas. Esta acción está incluída no programa Plan Internacional de Promoción no marco do Programa Operativo de Crecemento Intelixente, para o periodo 2014-2020, e están cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) e o Consello Regulador da D.O. Rías Baixas cun orzamento total de 22.800 euros; 22.240 achegados polo Programa PIP e 5.560 euros que suma o Consello Regulador.

Os compradores asiáticos, que proceden de Corea do Sur, China, Xapón e Hong Kong, puideron coñecer e degustar os viños de trece adegas da subzona do Salnés, durante esta primeira xornada. Mañá será a quenda doutras trece adegas do Rosal e do Condado. En total, prevese celebrar case 300 reunións con adegas da D.O. Rías Baixas. Ademais, e como resultado destas catas, os compradores dedicarán as tardes a visitar adegas e viñedos para coñecer os procesos de produción in situ.

A partir do mércores está previsto que a delegación realice unha visita ao Porto Pesqueiro, que incluirá un paseo en barco pola Ría de Vigo, cunha parada nas bateas. Posteriormente desprazaranse á Asociación Nacional de Fabricantes de Conservas (Anfaco) para coñecer as súas instalacións e funcionamento.

Mercado con gran potencial

O asiático é un mercado moi interesante para os vinos desta Denominación de Orixe. O ano pasado exportáronse a este continente 172.369,43 litros de viño por un valor de 1.044.302,73 euros. “É por iso que actividades como esta resultan de grande interese para seguir ampliando as vendas dos viños de Rías Baixas”, explica Eva Mínguez Lobato, directora de Mercadotecnia da DO Rías Baixas.

Dentro de Asia, destacan as vendas en países como Xapón (onde o pasado ano exportáronse 102.668,30 litros de viño por un valor de 584.854,72 euros) e China (cun volume de 31.348,88 litros exportados por 197.369,24 euros). O crecente interese dos países asiáticos polos viños de Rías Baixas levou á incorporación durante o pasado ano 2017 de mercados exteriores como Hong Kong, Kazaxistán ou Malasia.

Precisamente pola auxe nas vendas “o Consello Regulador conta cun Plan de Promoción específico para Xapón”, afirma Mínguez. Entre as accións desenvoltas atópanse tres eventos dirixidos a profesionais e público xeral organizados en Tokio o pasado mes de xuño. A estas actividades cabe sumar a participación en distintas ferias do sector como ProWine Asia de Singapur ou Hong Kong Wine & Spirits, que se celebrará o vindeiro novembro.