1 de abril de 2019.- O presidente do Consello Regulador da Denominación de Orixe Rías Baixas, Juan Gil de Araujo, oficiou este mediodía o descubrimento da placa conmemorativa da declaración da Festa do Albariño como Festa de Interese Turístico Internacional. A placa está ubicada na entrada do Paseo da Calzada de Cambados. Juan Gil de Araujo estivo acompañado neste acto pola corporación municipal de Cambados, encabezada pola alcaldesa, Fátima Abal, así como por adegueiros e diversos representantes do sector vitivinícola de Rías Baixas.
Gil de Araujo destacou que a declaración da Festa do Albariño de Cambados como Festa de Interese Turístico Internacional, lograda o pasado mes de setembro, supóne “a culminación natural” do seu longo proceso de crecemento, desde a súa orixe practicamente espontánea en 1953 ata a súa dimensión actual. O máximo responsable do Consello Regulador expuxo que “ninguén debería atribuirse especial mérito, pois o mérito é de todos”.
Neste sentido, Gil de Araujo citou as distintas personalidades responsables dos fitos destacados da Festa do Albariño ao longo da súa existencia e exhortou a que “ninguén se deixe deslumbrar polo brillo da placa que hoxe descubrimos porque detrás dela hai todo un pobo, hai milleiros de viticultores mimando as súas viñas para conseguir as mellores uvas, decenas de adegueiros realizando o milagre da súa transformación en viño, no noso marabilloso Albariño Rías Baixas”. O presidente de Rías Baixas tampouco esqueceu a moitos outros traballadores implicados directa e indirectamente no sector, o labor da hostelería cambadesa, o persoal de organización, loxística, limpeza e seguridade da festa ou as súas características peñas.
Ante o futuro, Gil de Araujo expuxo o seu desexo de “coidar a festa para evitar que morra de éxito, pidamos ao ceo que ilumine a quen teñan a responsabilidade de facelo, outorgándolles os dons da sabedoría, a humildade e a xenerosidade para que saiban conducila por senda segura, sorteando os riscos que a ameazan”. O presidente da Denominación de Orixe incidiu en que “terán que ser prudentes, pero tamén valentes; terán que saber escoitar e aceptar as críticas, pero terán que tomar decisións tal vez non exentas de risco, pero esa será a súa responsabilidade”.
Dun nacemento espontáneo a unha enorme dimensión internacional
No seu repaso polos fitos destacados da Festa do Albariño de Cambados, Juan Gil de Araujo lembrou o seu nacemento “espontáneo e natural” en 1952, cuando un grupo de amigos porfiaba por ver quen elaboraba o mellor viño albariño. Bernardino Quintanilla, Ernesto Zárate, Manuel Silva, José Rodiño ou José Fernández Aguiño formaban parte do grupo, que decidiu convocar unha merenda privada con medio cento de persoas na horta de Ángel Botana, xenro de Ramón Cabanillas.
A cita gañou dimensión en anos posteriores, trasladándose aos xardíns do Pazo de Ulloa e logo aos da casa da Calzada. Álvaro Cunqueiro e José María Castroviejo contribuíron nesa etapa a acrecentar o marco cultural e intelectual da celebración.
Xa nos sesenta, Gil de Araujo destacou a aparición da figura de Manuel Fraga Iribarne como Ministro de Información y Turismo, en “inigualable tándem” con Pío Cabanillas. Foi nesa etapa cando a festa adquiriu carácter público, con catas na Calzada e pregón en Fefiñanes. O carácter popular da festa fíxose definitivamente efectivo coa conversión do Pazo de Bazán en Parador Nacional, que acolle a comida e entrega de premios da Festa do Albariño.
O presidente do Consello Regulador puxo de manifesto tamén a creación en 1969 da Cofradía do Viño Albariño, que deu unha nova dimensión á celebración co seu Capítulo, ao que acoden personalidades políticas e sociais de primeiro nivel, xunto a figuras do espectáculo e do deporte. En 1977, nos 25 anos da súa existencia, a fiesta foi declarada de interese turístico, distinción que se ratificou en 1990 coa declaración de Festa de Interese Turístico Nacional de acordo á nova lei.
É por eses anos cando se crea o Consello Regulador da Denominación de Orixe Rías Baixas. O seu actual presidente destacó o labor do organismo todos estes anos, ao facerse cargo da organización do concurso de viños, logo da montaxe das casetas no Paseo da Calzada e xa máis recentemente do Túnel del Vino e das Catas Temáticas, actividades enfocadas a un público máis profesional e con interese específico nos viños da denominación de orixe.
O atractivo da festa a nivel internacional non deixou de medrar nunca, como demostra o recoñecemento de Festa de Interese Turístico Internacional obtido en setembro de 2018.