Volver

08 de Febreiro

UNHA TRINTENA DE ALUMNOS DO BASQUE CULINARY CENTER SE ADENTRÁN NA DENOMINACIÓN DE ORIXE RÍAS BAIXAS

Un grupo de trinta e cinco alumnos do Basque Culinary Center, acompañado de catro profesores, percorren estes días a D.O. Rías Baixas para profundar no coñecemento dos seus viños, así como o seu proceso de elaboración, e coñecer o viñedo propio da zona.

Os estudantes, que cursan o grao en Gastronomía e Artes Culinarias desta prestixiosa institución académica e de investigación con sede en San Sebastián (Guipúscoa), visitaron durante esta viaxe un total de 8 adegas de Rías Baixas, repartidas nas zonas de Condado de Tea, O Rosal e O Salnés.

A procedencia do alumnado que participa nesta iniciativa é moi variada, desde países latinoamericanos a asiáticos, ademais de estudantes de países do norte de Europa e Rusia.

Aproveitando esta visita a Galicia, os alumnos tamén tiveron a oportunidade de coñecer unha batea pertencente a un socio da D.O.P. Mexillón de Galicia e a cetaria de Laureano Oubiña, ademais do Centro de Interpretación do Viño e da Lamprea de Arbo xunto ás tradicionais Pesqueiras de lamprea do río Miño.

Un dos alumnos, José Andrés Cente Simón, explica por que facer esta viaxe é unha gran oportunidade: “poder vir aquí a Galicia, a Rías Baixas, coñecer a súa cultura, a súa enoloxía, a súa viticultura, ver como ao clima aféctalle o mar, é moi enriquecedor para futuros gastrónomos ou aqueles interesados en dedicarse ao viño”. Ao novo estudante chámalle a atención “como se axustaron nesta denominación de orixe á súa forma de producir e aos valores do viño. Aquí teñen viños de sabores extraordinarios que se ahúsan ao terreo e representan a contorna, o mar, a terra e a climatoloxía”.

“Non ten nada que ver dalo en clase que velo en persoa”, engade a nova alumna Reyes Moreno Pérez. “Chamoume moito a atención que é unha Denominación de Orixe que ten uns parámetros realmente esixentes, que se eu pido noutra parte de España ou fóra do país un viño da Denominación de Orixe Rías Baixas vou saber que vai estar bo, sei que vai cumprir o que eu estou a buscar nun viño deste aspecto e estas calidades”, sinala Reyes. “Todos os viños que fomos catando nas adegas cumprían minuciosamente todos estes requisitos, que é o que fai que esta denominación teña tanto valor e sexa tan coñecida tanto a nivel nacional como internacional”, insiste a estudante.

Finalmente, Naiara Vidal, en representación da dirección académica do Basque Culinary Center, agradeceu ao Consello Regulador da Denominación Rías Baixas a organización destas xornadas de aprendizaxe, explicando que “esta viaxe a Galicia é unha oportunidade moi enriquecedora para o alumnado do grao en Ciencias Gastronómicas do Basque Culinary Center. Xa levamos 12 anos visitando e coñecendo as materias primas de Galicia a nivel gastronómico e desta forma o alumnado pode coñecer de primeira man produtos da rexión, é algo que sempre se van a levar consigo”.