Volver

27 de septiembre

Doce compradores de Europa central e oriental visitan a D.O. Rías Baixas

Vinte e seis adegas da D.O. Rías Baixas participan estes días nunha misión comercial inversa, organizada polo Consello Regulador da D.O. Rías Baixas en colaboración coa Cámara de Comercio de Pontevedra, Vigo e Vilagarcía de Arousa. Trátase da quinta edición desta actividade, que en anteriormente centrouse en compradores asiáticos, centroamericanos, europeos e estadounidenses.

Os doce compradores proveñen de Hungría (4), Polonia (4) e República Checa (4). O hotel NH Collection de Vigo será o emprazamento onde se desenvolverán as reunións de traballo coas 26 adegas da D.O. Rías Baixas. Estes encontros repartiranse entre o luns, 27, e martes, 28 de setembro, en sesión de mañá, de 9,30 h. a 14,30 h.  En total, está previsto celebrar máis 300 encontros profesionais. Ademais, e como resultado dos mesmos, estes compradores dedicarán as tardes para visitar algunha das empresas participantes, así como os seus viñedos para coñecer os procesos de produción in situ, coincidindo coa época de vendima. Hungría, Polonia e República Checa son mercados potenciais e con gran futuro para a D.O. Rías Baixas, especialmente Polonia que xa conta cun plan promocional que inclúe diversas accións. A D.O. Rías Baixas exportou máis de 60.000 litros durante o exercicio 2020 a estes países. Grazas ao convenio de colaboración entre o Consello Regulador da D.O. Rías Baixas e a Cámara de Comercio de Pontevedra, Vigo e Vilagarcía de Arousa púidose organizar esta misión comercial co obxectivo de incrementar a presenza dos viños de Rías Baixas nestes tres mercados. Esta acción está incluída no programa Plan Internacional de Promoción no marco do Programa Operativo de Crecemento Intelixente, para o período 2014-2020, e están cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) e o Consello Regulador da D.O. Rías Baixas cun orzamento total de 33.500 euros; 26.800 achegados por UE dentro do Programa FEDER e 6.700 euros que suma o Consello Regulador.

Mercado consolidado

Europa é un mercado moi relevante para os viños desta Denominación de Orixe. O pasado ano exportáronse ao devandito continente 4.240.748 litros de viño por un valor de 21.907.909 euros, sendo o principal cliente dos viños de Rías Baixas, en volume e valor. Conta con países no top ten de mercados exteriores como son o segundo, Reino Unido; Irlanda, na cuarta posición; Alemaña e Suecia na sétima e oitava, respectivamente, e Rusia na décima. Actualmente, o Consello Regulador conta con dez plans de exportacións, dos cales seis deles están centrados no continente europeo: Alemaña, Irlanda, Reino Unido, Países Baixos, Polonia e Suíza. Cabe destacar que das 179 adegas rexistradas, a maioría delas, 107 empresas, están a apoiarse nalgún dos dez plans de exportación.