Volver

04 de Abril

38 marcas da D.O. Rías Baixas brillan na cea de gala do XXIII Concurso Internacional Bacchus

A D.O. Rías Baixas mantense fiel un ano máis á súa cita co Concurso Internacional Bacchus, un certame que se converteu nun referente no sector e que esta semana celebrou a súa vixésimo terceira edición, na que concursaron un total de 68 viños desta denominación e cuxos resultados se coñecerán a vindeira semana. Na noite de onte, 38 marcas de Rías Baixas foron as protagonistas da tradicional cea de gala do concurso, na que participaron todos os integrantes do panel de cata, así como Masters of Wine, Masters Sommelier, responsables de compras de grandes superficies, importadores, críticos especializados e un gran elenco de profesionais do sector vitivinícola.

O evento, que se celebrou no restaurante madrileño SuaBy Triciclo, contou coa presenzaa da directora de marketing do Consello Regulador, Eva Mínguez, que destacou o gran nivel desta edición e a calidade dos viños atlánticos, que se converteron nun referente dentro do sector. Durante a cea os catadores asistentes puideron desfrutar dunha amplia variedade de viños Rías Baixas, principalmente das anadas 2023 e 2024, pero tamén dalgunhas anteriores como de 2018, 2019 ou 2020, entre outras.

68 viños Rías Baixas entre os 1.695 viños a concurso

O XXIII Concurso Internacional de Viños Bacchus celebrouse esta semana no Palacete Duque de Pastrana de Madrid. Ao longo de cinco días, un total de 1.695 viños procedentes de 16 países (México, Chile, Arxentina, Portugal, Alemaña ou Armenia, entre moitos outros) participaron neste certame, que está considerado como o de maior relevancia vitivinícola en España. Deste total, 68 marcas pertencen á D.O. Rías Baixas.

As distintas mostras foron valoradas a través de catas a cegas por un xurado integrado por 70 catadores procedentes de 28 países: Moldavia, España, Perú, EEUU, Noruega, Portugal, Suecia, Arxentina, Francia, Hungría, Dinamarca, Bolivia, Brasil, Eslovaquia, Suiza, Alemaña, Xeorxia, Italia, Reino Unido, Países Baixos, Polonia, Rep. Checa, Chile, Letonia, México, Turquía, Uruguay e Irlanda.

Promovido pola Unión Española de Catadores (UEC), este importante certame internacional está auspiciado pola Organización Internacional da Viña e a Federación Mundial de Grandes Concursos de Viños e Espirituosos (VINOFED), e conta co recoñecemento oficial do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación. Os resultados deste certame daranse a coñecer a principios da vindeira semana.