Volver

02 de Outubro

45 marcas protagonizan unha xornada da D.O. Rías Baixas en Edimburgo

2 de outubro de 2019.- Corenta e cinco marcas da D.O. Rías Baixas, pertencentes a 26 adegas, protagonizaron onte unha xornada sobre os viños da denominación no hotel Balmoral de Edimburgo. O evento consistiu nun túnel do viño no que participaron 50 prescriptores escoceses (restaurantes, sumilleres, hoteis…) e nun almorzo dirixido exclusivamente a unha trintena de profesionais. A Master of Wine Sarah Jane Evans efectuou unha breve introducción da D.O. Rías Baixas e presentou os viños.  Para iso contou cunha importante representación das elaboracións de diferentes colleitas que se están preparando neste momento na D.O. Rías Baixas.

Oito marcas de Rías Baixas protagonizaron o almorzo de traballo cun grupo de VIP no que se amosaron as cualidades dos viños da denominación acompañados de queixos, carnes ou algas, entre outros pratos. Nesta actividade participaron o secretario xeral do Consello Regulador, Ramón Huidobro, e a técnica de marketing, Rosa Martínez, quen resaltou “o grande interese destes profesionais por afondar nos seus coñecementos sobre os viños de Rías Baixas”.

O Reino Unido é o segundo mercado de exportación en relevancia para a D.O. Rías Baixas. Conta cun plan de exportación propio, dos nove que hai en funcionamiento. Neste momento 109 adegas xa están vendendo internacionalmente. En 2018 vendéronse ao Reino Unido un total de 1.465.879,85 litros de viño da D.O. Rías Baixas.