Volver

21 de Outubro

50 viños de Rías Baixas, presentes esta semana en dúas xornadas profesionais en Países Baixos

Organizadas por ACRUAGA, a primeira parada foi o luns en Amsterdam e hoxe é en Rotterdam

Países Baixos é un dos mercados de exportación que se atopan no top-ten da Denominación de Orixe Rías Baixas. Por iso, esta semana os viños de Rías Baixas non podían faltar á súa cita coas dúas xornadas organizadas pola Asociación de Consellos Reguladores Vitivinícolas Galegos e das II.GG. Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia (ACRUAGA) no devandito país. Amsterdam e Rotterdam foron as cidades elixidas para este periplo dos viños galegos. No caso dos viños de Rías Baixas participaron un total de 25 marcas en cada un dos salóns, ou sexa, cincuenta en total. O obxectivo é dar a coñecer e degustar unha ampla representación de viños e bebidas espirituosas tradicionais de Galicia, e profundar no coñecemento dos produtos galegos.

A primeira parada tivo lugar o pasado luns en Amsterdam concretamente no espazo LuminAir. Nela participaron un centenar de prescritores holandeses, interesados polos viños e augardentes de Galicia. O túnel con 25 marcas de Rías Baixas, entre outras, completouse coa masterclass de Inma Eigen Wijns, experta en viños españois. Este percorrido dos viños e augardentes galegos remata hoxe en Rotterdam, no Hulstkamp Gebouw, cun túnel no que Rías Baixas estará representado con 25 marcas e cunha nova masterclass de Eigen Wijns. Espérase a participación doutro centenar de prescritores locais. Ambas localizacións achegan un marco singular a unha iniciativa que pretende proxectar a calidade, diversidade e singularidade dos terroirs galegos, así como a tradición das cinco denominacións de orixe de Galicia (Rías Baixas, Monterrei, Ribeira Sacra, Ribeiro e Valdeorras), ás que se suman 7 destilados das Indicacións Xeográficas de Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia.

Ata alí desprazáronse o secretario do Consello Regulador e a técnica de mercadotecnia, Ramón Huidobro e Rosa Martínez, para asistir a unha cita importante para o D.O. Rías Baixas, pois Países Baixos son o seu sétimo mercado internacional, segundo os últimos datos de exportación da campaña 2025-26, cun incremento dun 15,31% con respecto á campaña anterior. Ademáis, Holanda conta cun Plan de Promoción.