Volver

01 de Agosto

52 VIÑOS PARTICIPARON NA XXXVII CATA CONCURSO RÍAS BAIXAS ALBARIÑO, CUXOS PREMIOS SE ENTREGARÁN O DOMINGO

Un total de 52 viños Rías Baixas da Colleit 2024, que foi cualificada polo Pleno do Consello Regulador como “Excelente”, foron catados na XXXVII Cata Concurso Rías Baixas Albariño, desenvolta no Parador de Cambados. Desas 52 propostas presentadas onte xoves á Cata Prima, un total de 12 pasaron á Cata Derradeira, celebrada esta mañá e na que se decidiron os tres gañadores, que serán dados a coñecer este domingo 3 de agosto durante a comida Oficial do Capítulo Serenísimo.

Todos os catadores, que establecen as puntuacións dos viños segundo a normativa da Organización Internacional do Viño (OIV), compartiron a decisión do Pleno do Consello Regulador de cualificar a Colleita 2024 como “Excelente”. “Hai moita calidade, son viños moi ben elaborados e estou de acordo con que son excelentes”, sinala Mara de Miguel, presentadora e comunicadora especializada en enoturismo e gastronomía procedente de Málaga. “Cando te atopas unha colleita cualificada como excelente iso dá moito respecto” e destaca que “hoxe foi bastante duro, aínda que os viños que son bos de verdade, dá igual que os puntúes máis alto ou máis baixo, eses viños van sempre saír”.

Un punto no que coincide Carlos Taboada, sumiller e formador especializado en viños (Madrid), quen destaca que “a Colleita é excelente, os viños estaban todos moi completos e xa nos últimos doce se notaba que había moita calidad. Había moi poucas diferencias entre eles, foi cuestión de pequenos matices”.

E és que “a Colleita 2024 ten moito equilibrio, con corazón de froita, con frescura, harmónicos…”, indica Alberto Ruffoni, periodista de Logroño especializado en viños e gastronomía, que engade que “nos últimos doce notouse que filtramos moi ben os viños cun maior nivel de calidade. Houbo un nivel de calidade moi alto”.

“Hoxe atopamos máis redondez e complexidade, máis completo e incluso con máis visión a futuro”, destaca Casilda Gurucharri, colaboradora de Ideas&Vino como asesora a clientes particulares e que ten traballado en distintas adegas e como sumiller en restaurantes e tendas gourmet de Madrid. Ela amósase totalmente convencida de que “estamos ante unha Colleita excelente. O mercado tamén o dirá, pero foi excelente en campo e en adega. E hoxe viuse aquí o resultado”.