Tes a idade legal para consumir bebidas alcohólicas no teu país?
Para acceder aos contidos da nosa web debes ser maior de idade no teu país de residencia.
Un total de 68 marcas pertencentes a 23 adegas da D.O. Rías Baixas participaron hoxe no Túnel do Viño que este Consello Regulador organiza no NH Collection A Coruña Finisterre e que está dirixido ao sector profesional. Este é o primeiro evento no mercado nacional organizado pola D.O en 2021.
Desde o Consello Regulador adoptáronse todas as medidas hixiénico-sanitarias para favorecer que os participantes gocen dos viños de Rías Baixas con todas as garantías de seguridade. Así, para poder entrar no salón tómase a temperatura aos asistentes para recoller a súa respectiva copa e a cuspideira individual. En cada mesa, os camareiros encárganse do servizo do viño para evitar que os visitantes manipulen as botellas. A información sobre as distintas adegas e as súas marcas pódese consultar a través dos códigos QR dispostos en distintos puntos. Deste xeito, evítase o contacto coas botellas expostas, á vez que se reforza a hixiene de mans con diversos dispensadores de hidroxel por toda a estancia.
Ademais da limitación do aforo, establecéronse un total de catro sesións. Dous delas celebráronse pola mañá (entre 11.00 e 12,30 horas e de 13.00 a 14.30 horas), e outras tantas terán lugar esta tarde (de 18.00 a 19.30 horas e de 20.00 a 21.30 horas). Deixouse media hora de marxe entre sesión e sesión para que se poida proceder á desinfección do salón durante o desenvolvemento deste evento.
Con respecto ás referencias degustadas, os asistentes puideron probar un total de 33 marcas de Rías Baixas da anada 2020; unha da 2019, da 2017 e da 2012; nove do 2018, así como 3 do 2016 e outras tantas do 2015. Non faltaron os Rías Baixas Espumosos, así como as elaboracións especiais, que abarcaron viños sobre leas, en madeira e mesmo de parcelas ou leiras.