Volver

18 de Maio

99 marcas protagonizan o Túnel do Viño da D.O. Rías Baixas na feira ProWein 2022

Os viños de Rías Baixas non se perderon a cita coa Feira Internacional de Viños e Bebidas Espirituosas ProWein. Unha edición máis, a caseta do Consello Regulador estivo situado no pavillón internacional do  ICEX e albergou un túnel do viño. Un espazo de cata, que acolleu unha gran variedade de marcas e de tipoloxías de viños da D.O., ata un total de 99 pertencentes a 56 adegas da denominación. Ademais, a caseta de Rías Baixas tamén contou cunha zona ocupada por 13 adegas que acudiron á feira como coexpositoras.

O Consello Regulador estivo representado no recinto feiral de Messe, en Düsseldorf (Alemaña), polo secretario xeral e a directora do departamento de marketing, Ramón Huidobro e Eva  Mínguez.

Profesionais de todo o mundo participaron nesta cita, considerada unha das máis importantes a nivel internacional, que abriu as súas portas o pasado domingo e pechounas onte despois dun parón de dous anos polo COVID-19. A previsión da organización era recibir uns 61.000 visitantes profesionais, procedentes de 143 países, que tiñan á súa disposición a 5.000  expositores de máis de 60 países.

Mercado Alemán

Alemaña é o sétimo mercado exterior dos viños da Denominación de Orixe Rías Baixas durante o exercicio de 2021. O pasado ano exportáronse a ese país un total de 307.495,26 litros de viños de Rías Baixas. A importancia deste mercado fai que conte cun plan promocional específico que este Consello Regulador desenvolve no devandito país.