Tes a idade legal para consumir bebidas alcohólicas no teu país?
Para acceder aos contidos da nosa web debes ser maior de idade no teu país de residencia.
Os viños de Rías Baixas non se perderon a cita coa Feira Internacional de Viños e Bebidas Espirituosas ProWein. Unha edición máis, a caseta do Consello Regulador estivo situado no pavillón internacional do ICEX e albergou un túnel do viño. Un espazo de cata, que acolleu unha gran variedade de marcas e de tipoloxías de viños da D.O., ata un total de 99 pertencentes a 56 adegas da denominación. Ademais, a caseta de Rías Baixas tamén contou cunha zona ocupada por 13 adegas que acudiron á feira como coexpositoras.
O Consello Regulador estivo representado no recinto feiral de Messe, en Düsseldorf (Alemaña), polo secretario xeral e a directora do departamento de marketing, Ramón Huidobro e Eva Mínguez.
Profesionais de todo o mundo participaron nesta cita, considerada unha das máis importantes a nivel internacional, que abriu as súas portas o pasado domingo e pechounas onte despois dun parón de dous anos polo COVID-19. A previsión da organización era recibir uns 61.000 visitantes profesionais, procedentes de 143 países, que tiñan á súa disposición a 5.000 expositores de máis de 60 países.
Mercado Alemán
Alemaña é o sétimo mercado exterior dos viños da Denominación de Orixe Rías Baixas durante o exercicio de 2021. O pasado ano exportáronse a ese país un total de 307.495,26 litros de viños de Rías Baixas. A importancia deste mercado fai que conte cun plan promocional específico que este Consello Regulador desenvolve no devandito país.