Os viños da anada 2021 da Denominación de Orixe Rías Baixas mostraron todas as súas calidades nun Túnel do Viño, organizado por este Consello Regulador en Barcelona o pasado mércores, 29 de xuño. 84 marcas de viño da anada 2021, pertencentes a 45 adegas, participaron neste túnel do viño que tivo lugar no Salón Domènech i Montaner do Hotel Casa Fuster de Barcelona, en sesión de mañá e tarde, e que congregou a 300 profesionais do sector catalán.
Catadores, distribuidores, hostaleiros puideron valorar unha gran variedade de marcas nas súas diferentes tipoloxías: viños monovarietales, blends, viños con madeira… Unha anada, cuxa cualificación, “Boa”, acaba de darse a coñecer en Madrid esta mesma semana.
Barcelona foi a cidade elixida para esta posta de longo da anada 2021, posto que a última vez que se organizou un túnel destas características foi en 2017.