O Pazo de Mugartegui, sede do Consello Regulador da Denominación de Orixe Rías Baixas, acolleu esta mañá a vixésimo quinta edición da cata anual, que organiza a Asociación de Catadoras de Galicia Gallaecia. A esta edición presentáronse 200 marcas da D.O. Rías Baixas.
Vinte profesionais conforman un panel de cata que inclúe a catadoras da asociación, enólogos, directores técnicos doutras denominacións, xornalistas e o responsable de viños do Casino de Madrid. Todos eles foron os encargados de valorar, en cata a cegas, 110 mostras de viño branco, principalmente da anada 2021, a máis antiga é un 2012, pero tamén se cataron Rías Baixas de 2015, 2016, 2017, 2018, 2019 e 2020. Estes catadores fixéronse distribuídos en dous paneis equilibrados segundo o perfil dos profesionais para ser os máis exhaustivos posibles nas valoracións. O resto de marcas, unhas noventa que incluirán espumosos de calidade, brancos e tintos de Rías Baixas, serán valoradas na aula de Cata Paadín, da Coruña, este mércores por 15 expertos.
“Viños máis frescos, ácídos e florais”
O presidente da Asociación de Sumilleres Gallaecia, Pedro Sestayo describiu a anada 2021: “son viños máis fresco e ácidos, así como con toques moi florais”. En base á súa experiencia, Sestayo considera as anadas anteriores como “espectaculares”. De feito, afirma que “é unha grata sorpresa as colleitas anteriores. Teñen unha evolución fantástica”. Augura para a de 2021: “esperamos a mesma boa evolución”.
Os resultados
As Distincións de Gallaecia outorgaranse a aqueles viños cunha puntuación superior a 87 e daranse a coñecer a próxima semana. As marcas elixidas para a Guía de Viños de Galicia contarán con Medalla de Prata os que obteñan puntuacións entre 80 e 84; de Ouro os que estean entre 85 e 88, os que puntúen entre 89 e 93 Ouro Máis, e o Gran Ouro entre 94 e 100. No seu afán por profundar máis no coñecemento do viño galego, teñen previsto ampliar as seccións da devandita publicación que incluirán como novidade unha dedicada aos perfís aromáticos dos viños de Galicia. Ademais, por primeira vez, esta publicación contará cunha edición en inglés, dirixida ao mercado anglosaxón. A guía en español estará en decembro de 2022, mentres que a edición en inglés sairá na primavera 2023.