Volver

18 de Outubro

A D.O. Rías Baixas recibe unha vintena de sumilleres polacos

9 de outubro de 2018.- Unha vintena de sumilleres procedentes de distintos puntos de Polonia visitan esta semana a D.O. Rías Baixas. Os 18 profesionais do sector, pertencentes todos eles á Asociación Polaca de Sumilleres, tiveron a oportunidade de experimentar como se efectúan os labores de vendima nesta Denominación de Orixe e de coñecer o proceso de elaboración dos viños.

Esta é a primeira ocasión na que os 18 sumilleres visitan Rías Baixas. “Trátase dunha das D.O. de viños brancos españois máis coñecida en Polonia. No noso país os consumidores están cada vez máis interesados por descubrir novos territorios vitivinícolas, entre os que se atopa precisamente esta Denominación de Orixe”, asegura Jan Bester, sumiller da distribuidora de viños polaca Winkolekcja. Por iso esta viaxe resulta de grande interese para todos eles, xa que supón unha excelente ocasión para descubrir distintos tipos de elaboracións e poder transmitir e recomendar aos seus clientes as súas impresións sobre elas.

Neste sentido, Maciej Sokołowski, da empresa MS Sommelier Poznan, amosou a súa intención de “volver á D.O. Rías Baixas. Os viños gústannos moito, o clima é fantástico e é unha zona moi interesante desde o punto de vista vitivinícola”.

Sobre as distintas elaboracións que están degustando, a veintena de profesionais coincidiu en amosar a súa grata sorpresa pola excelente capacidade de garda dos viños de Rías Baixas. Durante as xornadas de hoxe e mañán tamén poderán probar outro tipo de elaboracións como os viños Rías Baixas Escumosos ou os Tintos Rías Baixas, ademais de plurivarietais de distintas subzonas.

Un mercado en expansión

Polonia é un dos mercados exteriores en expansión. O pasado ano exportáronse a este país 73.798,50 litros de viño, por un total de 379.491,92 euros. Esta cantidade supón un incremento do 76,6% en volume e dun 82% en valor con respecto a 2016.

O Consello Regulador desenvolve diversas accións promocionais co fin de seguir extendendo o coñecemento sobre os viños de Rías Baixas. Entre elas atópanse misións inversas como esta, ademais de accións con profesionais do sector como as catas incluídas no programa Degusta España, promovidas polo ICEX.