Volver

26 de Novembro

A DENOMINACIÓN DE ORIXE RÍAS BAIXAS RECOLLEU 46.859.353 QUILOS DE UVA EN 2026

Unha vendima temperá, adiantada ao 13 de agosto, que se caracterizou pola súa cantidade e calidade

A vendima 2026 en España foi moi madrugadora, un feito que tamén se produciu na D.O. Rías Baixas, que iniciaba os traballos de recollida o pasado 13 de agosto. Unha vendima cuantiosa con 46.859.353 kg de uva recollidos, a pesar de ser un 1,37% inferior á campaña de 2025.

Esta cantidade deu lugar a aproximadamente 32 millóns de litros de viño. A campaña 2026, na que participaron 164 adegas, pode describirse como un ciclo vitícola idóneo e unha vendima abundante, caracterizada pola alta calidade da uva, recollida integramente a man.

Algúns datos

O rendemento medio por hectárea foi de 9.274 kg/ha, un valor inferior ao de 2025 pero que se mantivo preto da media dos últimos dez anos, que foi de 9.380 kg/ha. Tendo en conta a gran calidade da uva recollida e as primeiras valoracións dos enólogos, as expectativas de Rías Baixas para os viños da anada 2026 son boas.

O inicio da vendima 2026 na D.O. Rías Baixas tivo lugar o pasado 13 de agosto, unha semana antes que na campaña anterior, e finalizou o 8 de outubro. O director técnico, Agustín Lago, destaca: “a uva vendimouse maioritariamente no período comprendido entre o 28 de agosto e o 10 de setembro, intervalo no que se recolleron 39 millóns de quilos de uva, é dicir, o 84% da colleita”. Agustín Lago describe a vendima como “tranquila, cunha meteoroloxía estable que permitiu recoller a uva en cada parcela no momento idóneo de maduración”. No control deste bo desenvolvemento participaron 26 auditores/veedores.

O ciclo vexetativo da colleita 2026 estivo marcado por un inverno cálido e moi húmido; así como por unha primavera moi cálida e moi seca (a cuarta máis seca desde que hai rexistros); cun mes de xuño extremadamente cálido e seco. Esta situación propiciou unha taxa de brotación do 90,3%, algo superior á do ano pasado, cun índice de fertilidade idéntico de 2,3 acios por xema brotada. As perdas de produción non foron significativas, sendo o valor medio do 5,5% e repartidas entre corremento da flor, pragas ou enfermidades e xeadas, saraiba e vento.

Desagregación por variedades e subzonas

Como vén sendo habitual, a presente vendima comezou coa recollida das variedades de uva brancas, especialmente Albariño, Godello, Loureira e Treixadura, finalizando co Caíño Branco e, por último, recolléronse as tintas e as vendimas tardías.

Na D.O. Rías Baixas, as variedades brancas representan o 99,60% da uva recollida, encabezadas polo Albariño, que acadou os 46.669.874 kg (o 96,97% do total), seguido polo Caíño Branco (0,94%), a Loureira Branca (0,66%) e o Godello (0,63%), sendo a campaña 2026 a segunda vendima da variedade Ratiño, con 1.247 quilos. Aínda que o Albariño continúa concentrando a produción, medran outras variedades brancas como o Caíño Branco e o Godello. As variedades tintas supoñen o 0,40% do total, coa variedade Sousón como principal, seguida polo Caíño Tinto e o Espadeiro.

Os rendementos máis elevados nas variedades autóctonas recollidas na D.O. Rías Baixas foron o Godello con 10.658 kg/ha, o Ratiño con 10.339 kg/ha e o Albariño, que este ano foi de 9.728 kg/ha (10.263 en 2025).

En canto á produción por subzonas, o Val do Salnés continúa sendo a de maior peso, cun 66,15% do total, seguido polo Condado do Tea, cun 18,19%, e o Rosal, co 8,37%.

A Denominación de Orixe Rías Baixas conta na actualidade cunha superficie produtiva de 5.053,36 hectáreas (24.872 parcelas), 4.879 viticultores e 178 adegas inscritas.

Produción por variedades e subzonas (quilogramos)