Volver

11 de Xullo

A Feira do Viño do Rosal abrirá este venres 12 as súas portas con importantes novidades

11 de xullo de 2019.- A XXVII Feira do Viño do Rosal reunirá esta fin de semana os amantes dos viños de Rías Baixas na Praza do Calvario. A celebración contará con nove casetas pertencentes a adegas de Rías Baixas situadas nesta subzona, que ofrecerán os seus viños ao numeroso público que asistirá a esta cita entre mañá venres e o domingo.

A edición deste ano conta con importantes novidades. Entre elas, a creación da Confradía de Cabaqueiros do Viño do Rosal, un colectivo que ten como principal obxectivo exaltar a riqueza vitivinícola de Rías Baixas desta subzona. Para inaugurar a súa actividade, mañá nomearán os seus primeiros cofrades. Entre eles atópase o Consello Regulador da Denominación de Orixe Rías Baixas. O recoñecemento será recollido polo seu presidente, Juan Gil de Araujo.

Os nomeamentos faranse efectivos mañá ás 20:00 horas, cadrando coa inauguración oficial da celebración. O pregón correrá a cargo de Almudena Alberca, primeira española Master of Wine. Pola mañá, ás 13:00 horas, dirixirá unha cata comentada de viños Rías Baixas elaborados na subzona do Rosal. A cita desenvolvarase no Restaurante Juan e prevese a asistencia de máis de medio centenar de persoas.

De seguido serán investidos os primeiros cofrades da Confradía de Cabaqueiros do Viño do Rosal. Todos eles recibirán os emblemas propios deste colectivo: sombreiro estilo panamá, broche de solapa e unha placa de bronce. Ademais de Gil de Araujo atópanse representantes de diversas institucións, así como adegueiros e viticultores da zona.

Xa ás 20:30 horas, o conselleiro do Medio Rural, José González Vázquez, presidirá a inauguración oficial da XXVIII Feira do Viño do Rosal. O acto finalizará co tradicional percorrido polos postos instalados na Praza do Calvario.

Durante a fin de semana, desenvolverase un intenso programa de actividades, que inclúe desde actividades deportivas (como a Andaina e a Carreira 10K) ata diversas actuacións musicais. Non faltarán outras interesantes propostas como un obradoiro de cociña infantil, unha demostración de cociña ou un obradoiro de elaboración de tellas.

O horario das casetas das adegas da D.O. Rías Baixas será de 20:00 a 2:00 horas mañá venres 12 de xullo, de 11:30 a 15:30 horas e de 18:00 a 2:00 horas o sábado 13, y de 11:30 a 15:30 horas e de 18:30 a 00:00 horas o domingo 14. Co fin de facilitar a degustación dos viños desta subzona, a metade das casetas permanecerán abertas o sábado entre as 15:30 e as 18:30 horas, mentres que o resto farano o domingo. Ademais, como todos os anos, haberá servizo de autobuses desde diferentes puntos da comarca do Baixo Miño.