VOLVER

A nosa historia

Existe a teoría de que os monxes de Cluny levaron a uva Albariño ao mosteiro de Armenteira (na comarca pontevedresa do Salnés) no século XII e que dende alí se estendeu o seu cultivo ao resto de Galicia e ao norte de Portugal. O río Umia considérase o pai do Albariño, xa que nas súas ribeiras cultívanse as vides e prodúcese este viño dende a Idade Media. Actualmente, esta hipótese considérase unha lenda, xa que se sabe que o Albariño é unha variedade autóctona propia do sur de Galicia. Outra crenza máis recente sinala que o Albariño é unha uva branca que puido viaxar dende Europa Central, posiblemente coas migracións dos pobos xermánicos dende o século V (suevos e visigodos). Historicamente, asentouse no noroeste, o que coincide coas fronteiras da antiga Gallaecia. Sen ter en conta as lendas, o que podemos afirmar con seguridade é que a variedade leva máis de mil anos cultivándose no territorio das Rías Baixas e, polas súas características, está perfectamente adaptada ás condicións climáticas e de insolación que ofrece este territorio.

Dos monxes cistercienses á nobreza

Con todo, ninguén discute que os monxes cistercienses que chegaron a Galicia polo Camiño de Santiago, ou acompañando á dinastía de Borgoña, que chegou a Galicia no século XII, pola voda de Raimundo de Borgoña coa raíña Urraca, foron os responsables de ensinarnos a coidar as variedades que estaban aquí asentadas e a extraer delas a súa máxima expresión.

Os viños brancos máis refinados conserváronse nos mosteiros ata o século XVIII, coa desamortización de Mendizábal. Este foi un longo proceso histórico, económico e social que iniciou Godoy a finais do século XVIII (1798) e que consistía en poñer no mercado, tras a expropiación forzosa, e mediante poxa pública, os terreos e bens que ata entón non se podían allear, en mans das chamadas «mans mortas», as ordes relixiosas, que os acumularan como beneficiarias habituais de doazóns, testamentos e ab intestatos.

Será, pois, a partir desta data cando comecen a cultivarse estes viños nos predios dos pazos ou casas grandes galegas. Os nobres eran os únicos que podían destinar as súas terras a cultivar unhas variedades e producir viños máis refinados. Isto débese a que carecían de problemas económicos e, polo tanto, non estaban condicionados a destinar as súas terras ao cultivo de produtos de autoconsumo.

A profesionalización da viticultura nas Rías Baixas

Non será ata mediados do século XX cando a variedade se estenda por todo o territorio. Probablemente a condicionaría o abandono ou cambio de propiedade dos viñedos, así como o coñecemento e a fama que comezaron a adquirir os viños.

O maior recoñecemento destas variedades e viños obtívose a partir da década de 1980, coa posta en marcha da Denominación de Orixe Rías Baixas e do seu consello regulador, que souberon darlles prestixio e trasladarlles aos consumidores a súa extraordinaria calidade.

A creación da DO Rías Baixas

A Denominación de Orixe Rías Baixas comezou a súa breve historia no ano 1980. Este ano recoñécese a denominación específica Albariño no BOE do 11 de outubro. O 30 de abril de 1984, apróbase o regulamento da Denominación de Orixe específica Albariño e o seu consello regulador.

Pola necesidade de adaptar a lexislación española á comunitaria, a Consellaría de Agricultura, nunha orde do 17 de marzo de 1988, recoñece provisionalmente a Denominación de Orixe Rías Baixas, e mediante orde do 4 de xullo do mesmo ano apróbase o regulamento da Denominación de Orixe Rías Baixas e o seu consello regulador. A orde ministerial do 28 de xullo de 1988 do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación ratifica esta Denominación de Orixe.

Unha DO en constante evolución

Esta evolución tamén se reflicte na expansión das subzonas. En 1988, a Denominación de Orixe Rías Baixas constaba de 3 subzonas, perfectamente individualizadas, na provincia de Pontevedra: Val do Salnés, Condado do Tea e O Rosal. En outubro de 1996 incorporouse Soutomaior, mentres que en maio de 2000 ampliouse á Ribeira do Ulla.