Volver

11 de Abril

As exportacións da D.O. Rías Baixas medran un 9,32% en volume e un 10,35% en valor no exercicio 2018

A Denominación de Orixe Rías Baixas vendeu máis e máis caro nos mercados internacionais. Uns 70 países gastaron aproximadamente corenta millóns de euros en máis de sete millóns de litros destes viños durante o exercicio 2018. O crecemento tradúcese nun 10,35% en valor (cun prezo medio por litro de 5,55 euros) e nun 9,32 % en volume.

Estas vendas foron posibles grazas a que o Órgano de Control e Certificación do Consello calificou un total de 25.562.695 litros de viño en 2018, que permitiron atender tanto os mercados internacionais como o nacional e local.

Estes resultados son froito de anos de traballo e de investimento nos diferentes mercados. Non en van, neste momento 109 adegas, das 183 inscritas na Denominación de Orixe, xa están vendendo internacionalmente. A mayoría delas, 103 empresas, estanse apoiando en diferentes plans de exportación que ten en marcha este Consello Regulador. Actualmente suman un total de nove en Alemaña, Canadá, Estados Unidos, Xapón, México, Países Baixos, Polonia e o Reino Unido. Precisamente en Canadá acaba de poñerse en funcionamento este ano.

9.579.273 botellas de Rías Baixas vendéronse nos mercados de exportación durante 2018. Os principais destinos foron Estados Unidos, Reino Unido, Porto Rico, Holanda – que se incrementou case un 48%-, Alemaña, Irlanda, Canadá -cun incremento algo superior ao 52%-, México, Suecia -aumentou máis do 91%-, e Bélxica, que tamén se incrementou en máis do 93%.

Neste sentido, os viños de Rías Baixas manteñen a súa tendencia alcista co obxectivo de consolidarse nos seus principais mercados. Tamén chama a atención o comportamento de países do norte de Europa como Suecia e Noruega, controlados por monopolios e onde é moi difícil entrar, xa que son mercados moi estrictos que priman a calidade do produto. Outro dos países de relevancia é Irlanda, que co paso dos anos foi escalando posicións dentro destes dez primeiros destinos. Trátase dun destino marcadamente feminino, xa que o home é máis consumidor de cervexa, que conta cun plan de promoción propio, dirixido aos medios de estilo de vida.

Rusia, considerado potencial, é un mercado que sorprendeu cos seus 116.957 litros en 2018, que aínda que a carón dos principais mercados poida parecer pouco, o certo é que en tan só oito anos pasou de 6.051 litros aos case 117.000 litros actuais.

Estes datos amosan a evolución dun traballo de máis de 20 anos, así como unha tendencia futura. O sector de Rías Baixas está liderado polas adegas, que destinan unha parte importante dos seus recursos materiais e humanos para abrirse paso no exterior, e polos viticultores, que manteñen uns estándares cualitativos da uva. Para iso pide ás diferentes administracións que sigan apostando poa internacionalización favorecendo o camiño con acordos internacionais e axudas para compensar os esforzos.

 

EXPORTACIÓNS POR DESTINOS

País

Volume 2018

1 Estados Unidos

2.373.862,93 litros

2 Reino Unido

1.465.879,85 litros

3 Porto Rico

      382.972,00 litros

4 Holanda

332.457,75 litros

5 Alemaña

288.541,64 litros

6 Irlanda

258.733,50 litros

7 Canadá

252.614,50 litros

8 México

251.336,50 litros

9 Suecia

171.293,25 litros

10 Bélxica

138.603,00 litros

  Resto de países

1.268.160,55 litros

 

TOTAL

7.184.455,47 litros