Volver

26 de Abril

Catro educadores de viño chineses visitan a D.O. Rías Baixas dentro dunha campaña promocional do ICEX

24 de abril de 2019.- Un grupo de catro educadores do viño chineses visitaron a Denominación de Orixe Rías Baixas. Esta actividade estivo protagonizada por unha charla dun técnico do Consello Regulador no Pazo de Mugartegui que se completou cunha visita a tres adegas na subzona do Salnés con diferente perfil e tamaño para que estes educadores puidesen ver o mundo que rodea a variedade albariño e a súa D.O.

A Denominación de Orixe Rías Baixas foi seleccionada polo ICEX para formar parte desta campaña de promoción dos viños do noso país en China. Os catro prescriptores, que están entre os máis relevantes do seu país, visitaron durante quince días outras zonas vitivinícolas españolas, catando os mellores viños do noso país, para obter o certificado de educadores dos viños de España que incluirá un exame teórico e outro práctico.

O primeiro que fixeron estes catro prescriptores foi empaparse de formación técnica na sede do Consello, en base a características da zona como son o clima, o solo… E logo, en cada unha das adegas de Rías Baixas puideron consolidar toda esta información a través de distintas catas entre as que se atopaban viños de diferentes colleitas, unha oportunidade na que puideron comprobar o potencial e a calidade do envellecemento da variedade autóctona albariño. Outra das achegas que lle supuxo esta viaxe foi coñecer as grandes posibilidades que teñen as variedades autóctonas galegas, ademais puideron ver ‘in situ’ o sistema de condución propio desta denominación, o emparrado, así como comprobar a influencia do clima, a humidade no viñedo, o minifundismo propio de Galicia…

China é un dos mercados internacionais con máis proxección de futuro para a D.O. Rías Baixas. E ese destino exportáronse en 2018 algo máis de 50.000 litros destes viños. De feito o Consello Regulador prevé participar na feira International Wine & Spirits Fair 2019 Hong Kong.