72 marcas participaron no Túnel do Viño da Denominación de Orixe Rías Baixas en Bilbao


Un total de 72 marcas pertencentes a 27 adegas da D.O. Rías Baixas participaron hoxe no Túnel do Viño que este Consello Regulador organiza no Gran Hotel Domine, en Bilbao, e que está dirixido ao sector profesional. Este é o primeiro túnel que no mercado nacional que esta D.O. organiza en 2022. Euskadi é un mercado no que os viños albariño Rías Baixas contan cunha boa presenza, segundo as cifras do Informe  Nielsen de 2020, e a elección de Bilbao débese a que xa fai nove anos que non se organiza un evento na devandita cidade. De feito, a expectativa é máxima e espérase superar a participación de 200 profesionais.

Desde o Consello Regulador adoptáronse todas as medidas hixiénico-sanitarias para favorecer que os participantes gocen dos viños de Rías Baixas con todas as garantías de seguridade. Así, para poder entrar no salón tómase a temperatura aos asistentes para recoller a súa respectiva copa e  escudira individual. En cada mesa, os camareiros encárganse do servizo do viño para evitar que os visitantes manipulen as botellas. A información sobre as distintas adegas e as súas marcas pódese consultar a través dos códigos  QR dispostos en distintos puntos. Deste xeito, evítase o contacto coas botellas expostas, á vez que se reforza a hixiene de mans con diversos  dispensadores de hidroxel por toda a estancia.

Ademais da limitación do aforo, establecéronse un total de catro sesións. Dous delas celebráronse pola mañá (entre 11.00 e 12,30 horas e de 13.00 a 14.30 horas), e outras tantas terán lugar esta tarde (de 18.00 a 19.30 horas e de 20.00 a 21.30 horas). Deixouse media hora de marxe entre sesión e sesión para que se poida proceder á desinfección do salón durante o desenvolvemento deste evento.

Con respecto ás referencias degustadas, os asistentes puideron probar un total de 32 marcas de Rías Baixas da anada 2021, 12 da 2020; 10 da 2019, 9 da 2018, 3 da 2017 e da 2016; un da 2015, e outro da 2012. Non faltaron os Rías Baixas Espumosos, así como as elaboracións especiais, que abarcaron viños sobre leas, en madeira e mesmo de parcelas ou leiras.