Quen somos


A Denominación de Orixe Rías Baixas é unha pequena zona vitivinícola situada no noroeste de España, na rexión de Galicia. Aínda que nas Rías Baixas existe unha profunda tradición vitivinícola, que se herdou xeración tras xeración, é a partir do ano 1988, coa constitución do seu Consello Regulador, cando o sector vitivinícola adquire un peso fundamental no desenvolvemento da economía deste territorio. Un dos factores determinantes é a aposta polas variedades autóctonas, en concreto a albariña, resistentes á climatoloxía adversa propia deste territorio, que confiren unha calidade e orixe xenuínas a uns viños de marcado carácter atlántico.

Condicionada polo minifundismo propio de Galicia, esta Denominación de Orixe actualmente conta cunha superficie de 4.061 hectáreas, repartidas en máis de 21.825 parcelas. As sabias e expertas mans dos máis de 5.550 viticultores desta zona apostaron por unha viticultura tradicional, caracterizada polo emparrado. Este singular sistema de condución fai que os labores de poda e vendima teñan que realizarse a man.

A Denominación de Orixe Rías Baixas atópase situada especialmente na provincia de Pontevedra e unha pequena parte na da Coruña. Ademais, divídese en cinco subzonas: Val do Salnés, O Rosal, Ribeira do Ulla, Condado do Tea e Soutomaior. A área de Val do Salnés expándese polos concellos de Caldas de Reis, Cambados, O Grove, Meaño, Meis, Ribadumia, Sanxenxo, Vilanova de Arousa e Vilagarcía de Arousa, todos eles da provincia de Pontevedra. O Rosal conta cos concellos do Rosal e Tomiño, ambos de Pontevedra. Condado do Tea abarca os concellos de Salvaterra de Miño, As Neves, Arbo, Salceda de Caselas e A Cañiza, situados en Pontevedra, do mesmo xeito que Soutomaior, que inclúe o municipio co mesmo nome. Mentres, Ribeira do Ulla céntrase no concello de Vedra, sendo a única zona que engloba a provincia da Coruña.

Influencia económica

O sector vitivinícola nas Rías Baixas xera na zona un total de 7.600 empregos directos estables e 5.200 de carácter eventual nas épocas de maior actividade. Así, a Denominación de Orixe Rías Baixas achega máis do 7% dos empregos directos dos concellos nos que se asenta, porcentaxe que se eleva ata o 12 % nas épocas de vendima. A súa incidencia é especialmente relevante no Val do Salnés, onde se concentra máis do 60 % da produción anual de uva e case o 70 % das adegas. 

Sede

A sede do Consello Regulador atópase situada no Pazo de Mugartegui, na cidade de Pontevedra. Localízase na Praza da Pedreira, así chamada polas actividades da talla de pedra que nela desenvolvían os canteiros da cidade do Lérez. Construído durante os séculos XVII-XVIII, o Pazo de Mugartegui é un precioso exemplo da arquitectura urbana do barroco. Foi obra do mestre canteiro Pedro Antonio Ferreiro, natural de Muimenta, que terminou a construción (agás o gablete do escudo) no ano 1771.

O Pazo de Mugartegui posúe unha fachada onde están os escudos das familias Figueroa, Araújo, Miranda e Quirós e, coroando a construción, un magnífico exemplar de reloxo de sol. Na actualidade é propiedade do Concello de Pontevedra, que encargou a súa rehabilitación e restauración ao arquitecto Jesús Aser Fole e cedeu as dependencias ao Consello Regulador da Denominación de Orixe Rías Baixas. A sede conta cun museo do viño na súa planta baixa, mentres que os seus salóns son usados en actos protocolarios, culturais e sociais polo Concello. Despois da súa restauración, foi inaugurado para estas novas funcións en marzo de 2001.