Tes a idade legal para consumir bebidas alcohólicas no teu país?
Para acceder aos contidos da nosa web debes ser maior de idade no teu país de residencia.
30 de xullo de 2024.- O Órgano de Control e Certificación da Denominación de Orixe Rías Baixas presentó hoxe ao Pleno do Consello Regulador o Informe de Estimación da Colleita 2024. O devandito documento, que recolle a situación do viñedo ata a primeira quincena de xullo, estima para este ano unha recollida de “41 millóns de quilos de uva, o que significa un 7,5% menos que a colleita do ano pasado, e un rendemento máis baixo de produción de 8.871 kg por hectárea”. Durante o Pleno explicouse que este ano os acios son máis pequenos e que o ciclo vitícola vai algo máis atrasado co ano pasado debido á ralentización do viñedo polas condicións meteorolóxicas de finais de maio e da primeira quincena de xullo, con temperaturas frías ou moderadas para a época.
En canto á data de inicio da vendima, o informe prevé que se produza ao longo dos dez primeiros días de setembro, “dependendo de como se desenvolva o mes de agosto”. Como sinalan dende o Departamento Técnico, o envero comezou a semana do 22 ao 28 de xullo. Na produción prevista para esta campaña inflúe en boa parte o incremento de 134 hectáreas en 2024 e unha taxa de brotación do 92,7%, algo superior ao ano pasado, se ben o índice de fertilidade foi inferior, con 2,2 acios xema/ brotados. As mermas atribuídas estímanse nunha media do 16% e producíronse especialmente por corremento de flor e, en menor medida, por plagas e enfermidades, especialmente o mildio larvado.
O devandito documento lembra como foi o ciclo vitícola en 2024, “cun inverno moi cálido e húmido; unha primavera cálida e moi húmida, así como un mes de xuño normal e húmido”.
Para a elaboración deste documento, o Departamento Técnico do Consello Regulador basouse na información proporcionada por técnicos de campo das adegas da Denominación de Orixe, que supervisan o 45% da superficie produtiva. En total, realizáronse 43 enquisas a 32 técnicos que asesoran viñedos nas distintas subzonas. Unhas enquisas moi detalladas, unha vez superado o momento máis crítico do ciclo vitícola, cuxa información foi posteriormente contrastada en campo e ponderada estatisticamente coa fin de unificar criterios.
Na actualidade, este Consello Regulador conta con 177 adegas inscritas. A superficie desta Denominación de Orixe abrangue 4.626 hectáreas, aumentando en 134 hectáreas, repartidas entre 23.792 parcelas nas que traballan 5.038 viticultores.