Volver

23 de Decembro

O MASTER OF WINE TIM ATKIN ELABORA UN EXTENSO INFORME SOBRE OS VIÑOS DE RÍAS BAIXAS CUN SORPRENDENTE PÓDIUM

Achégase o Nadal e os intres especiais para compartir, para desfrutar, para lembrar… Énchense as mesas coas mellores viandas e buscar o viño perfecto é un reto fácil de solucionar cun viño da D.O. Rías Baixas. Blanco, tinto, espumoso, viños con crianza ou madeira… calquera deles pode maridar cos manxares propios do Nadal. E é que, sen deixar de facer alarde do seu eslogan “Branco como ningún”, un albariño Rías Baixas é a mellor elección para estas festas.

O galardoado escritor de viños e Master of Wine Tim Atkin asegura no seu terceiro informe completo, publicado recentemente, que: “O albariño é unha variedade fantástica e é máis diversa do que a xente pensa. Calquera que fixera unha lista das mellores uvas brancas de España situaríaa no primeiro posto”.

Para chegar a estas conclusións, este Master of Wine, que leva catro anos consecutivos visitando a rexión de Rías Baixas, catou 263 marcas pertencentes a 76 adegas desta Denominación de Orixe durante a súa última viaxe. Un percorrido de 9 días durante os que visitou a maioría das empresas que aparecen nese amplo informe, mentres que o resto de viños catounos na sede do Consello Regulador. Unha selección que, como explica o propio Tim Atkin, “inclúe a maioría dos mellores brancos e tintos, así como unha ampla selección da oferta da rexión a diferentes prezos”, engadindo que “non vivo na zona, pero creo que coñezo as Rías Baixas tan ben como calqueroutro escritor de viños non español. Cubrir a DO é sumamente emocionante nestes  intres e foi un pracer dedicar máis tempo a visitar viñedos da rexión este ano”. Tamén destaca que “por agora, os viños das Rías Baixas gozan dunha imaxe premium. Incluso en España”.

En canto ás puntuacións proporcionadas por este galardoado escritor de viños procedente de Reino Unido, “224 marcas obtiveron 90 puntos ou máis. En total, 42 viños obtiveron 95 puntos ou máis. Deles, un recibiu 99 puntos, tres 98 puntos e seis 97 puntos. Para contextualizar as miñas puntuacións, considero que 85-89 puntos equivalen a unha medalla de bronce, 90-94 a unha de prata e 95 ou máis a unha de ouro”.

No seu extenso artigo, Atkin inclúe un pódium co máis destacado e de acordo cos seus amplos coñecementos e experiencia: 

  • Lenda do ano: Luisa Freire, enóloga de Santiago Ruiz.
  • Novo enólogo do año: Rodri Méndez de Forjas del Salnés e Rodri Méndez.
  • Viticultor do ano: Oliver Weiss, de Bodegas La Val.
  • Cooperativa do ano: Adegas Martín Códax.
  • Premio ao enoturismo. Pazo de Rubianes. 
  • No apartado viños do ano: 
    • Branco: 2024 Gerardo Méndez Do Ferreiro Albariño Cepas Vellas.
    • Tinto: 2020 Forjas del Salnés Goliardo A Telleira Tinto.
    • Espumoso: 2016 Martín Códax 85 Meses. 
  • Revelación do ano: 2024 Tempos Vega Sicilia Deiva. 
  • Viños do Ano relación calidade prezos: 
    • Branco: 2024 Maior de Mendoza Albariño sobre lías.
    • Tinto: 2023 Albamar Tinto.
    • Espumoso: NV As Laxas Sensum Laxas Albariño Selección Familiar.

 

Neste amplo informe sobre os viños de Rías Baixas, Tim Atkin fai un repaso a fondo da historia desta Denominación de Orixe desde os seus inicios e da man dos seus protagonistas. Con eles non fala so da súa traxectoria senon tamén das diferencias entre subzonas, dos viñedos, tipoloxía de solos ou terroir, de climatoloxía e cambio climático, de variedades autóctonas, de tipoloxías de viños… Destaca o futuro prometedor dos seus albariños Rías Baixas, tamén dos seus tintos propiciado polo cambio climático e polas viñas vellas con baixos rendementos, considerándoos “os máis emocionantes de España neste momento”.

Ademais, Atkin non pasa por alto a sociedade matriarcal existente en Galicia e que ten un peso propio na D.O. Rías Baixas a través de mulleres produtoras, grandes enólogas… Tamén recolle aquelas adegas que utilizan barrís ou foudres, que elaboran viños ecolóxicos, así como os viños que evolucionan favorablemente durante décadas. Finalmente inclúe os retos futuros para a Denominación de Orixe, entre os que sitúa a viticultura complexa e cara, a necesidade de apostar polas elaboracións con crianza e a premiurización destes viños por posuir unha gran calidade, así como non tener presa á hora de comercializar o viño do ano.