Tes a idade legal para consumir bebidas alcohólicas no teu país?
Para acceder aos contidos da nosa web debes ser maior de idade no teu país de residencia.
Pistoletazo de saída para as actividades organizadas polo Consello Regulador da Denominación de Orixe Rías Baixas con motivo da LXXIII Festa do Viño D.O. Rías Baixas Albariño de Cambados. Hoxe, mércores 30 de xullo, abriron as 42 casetas, que ocuparán 44 adegas da denominación, instaladas no Paseo da Calzada. En cada nova edición crece o ambente neste primeiro día, que reúne a público local e foráneo de todas as idades coa única excusa de desfrutar dos viños Rías Baixas.
Non faltaron a esta cita as autoridades, que fixeron o seu tradicional paseo polas diferentes casetas, saudando a adegas e brindando co Albariño Rías Baixas nas tres cooperativas, como é costume. Durante este deambular polo Paseo da Calzada, as autoridades asistentes tamén falaron con veciños e visitantes neste multitudinario inicio de festa.

Capitaneados polo alcalde de Cambados, Samuel Lago; o presidente da D.O. Rías Baixas, Isidoro Serantes; o seu homólogo da Deputación de Pontevedra, Luís López; e a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, entre outras autoridades, atenderon aos medios de comunicación. Visto o día, o ambiente e os grandes viños de Rías Baixas, todos eles so tiveron palabras para ensalzar esta festa de interese turístico internacional, a segunda festa gastronómica máis antiga de España. Os motivos son moitos: o seu ambente, a súa gran variedade de actividades lúdicas e profesionais como o Túnel do Viño, a Cata Concurso, entre outras.
Así, o presidente da D.O. Rías Baixas, Isidoro Serantes, destacou que “ao longo do ano facemos moitas festas do albariño, pero sen dúbida a máis importante é esta de Cambados”. Así, chamou a atención sobre “a gran cantidade de xente que acudiu so a esta inauguración” e animou aos visitantes “a probar os viños da Colleita 2024, calificada como Excelente, e esta fiesta é o mellor momento para vir probala”. Finalmente, tamén puxo en valor que “moitos responsables de empresas de distribución e restaurantes aproveitan tamén esta festa para coñecer as adegas”.

Pola súa parte, a conselleira María José Gómez asegurou que “a Festa do Viño Rías Baixas Albariño de Cambados, onde exaltamos a gran calidade dos viños Rías Baixas, é un referente para Galicia e para todos os que nos visitan e desfrutan da nosa gastronomía e polos produtos Galicia Calidade, onde un dos seus embaixadores é, por suposto, o Albariño Rías Baixas”.
O presidente da Deputación, Luís López, afirmou que esta festa “é para a provincia o que é para Cambados: unha semana grande. Unha semana grande para o sector vitivinícola pero tamén para todo o conxunto das Rías Baixas onde podemos ofrecer a calquer visitante infinidade de experiencias, sobre todo no mundo do viño”, destacando as “múltiples oportunidades” que esta festa abre para o sector.
Finalmente, o alcalde Samuel Lago sinalou que “se confirma que a asistencia a esta inauguración foi máis multitudinaria ca anterior. O ambiente é fantástico e é o mellor momento para encontrarte con amigos, veciños e coñecidos para desfrutar dunha copa de viño con tranquilidade”.
Cata Concurso
Ata Cambados desprazouse hoxe o panel de cata externo, que este ano participará como xurado da XXXVII Cata Concurso Albariño Rías Baixas. Este avaliará a Colleita 2024, que acaba de ser cualificada como “Excelente”. A Cata Prima será mañá xoves, 31 de xullo, ás 10:00 horas, no Salón Bazán do Parador de Cambados, que continuará ao día siguinte coa Cata Derradeira. “Participarán máis de cincuenta adegas e as expectativas son moi boas”, apuntou o presidente da D.O. Rías Baixas.

Túnel do Vino
O XIV Túnel do Viño en Cambados abrirá as súas portas do xoves 31 de xullo, coa inauguración oficial ás 12,30 horas, e as pechará o sábado 2 de agosto. A xornada dividirase en sesións de mañá e tarde, e sábado pola mañá. O Salón José Peña acollerá máis de 190 marcas de 80 adegas da denominación, que se poden atopar no mercado e que ofrecen a posibilidade de degustar de forma moderada e tranquila unha gran variedade de elaboracións de Rías Baixas. Entre eles: Rías Baixas da Colleita 2024, e doutras, así como Rías Baixas Espumosos e elaboracións especiais, que abarcan viños sobre lías, en madeira e incluso de parcelas ou fincas.
As persoas asistentes contarán co asesoramento dun sumiller profesional. O horario de apertura das instalacións o xoves e venres será de 11:00 a 22:30, con cinco sesións de hora e media distribuídas: de mañá, 11:00 a 12:30 / 13:00 a 14:30, e de tarde 17:00 a 18:30 / 19:00 a 20:30/ 21:00 a 22:30. O prezo da entrada será de 25 euros por sesión.