Tes a idade legal para consumir bebidas alcohólicas no teu país?
Para acceder aos contidos da nosa web debes ser maior de idade no teu país de residencia.
As exportacións dos viños de Rías Baixas sobreviven á incertidume xeopolítica do exercicio 2025 crecendo en volume e en valor. A boa base en comercio exterior na que se asenta o sector de Rías Baixas tras trinta anos de traballo concienzudo permitiulle vender 8.648.188 litros polos que os importadores extranxeiros pagaron 67.851.618 euros (prezo Ex Works). A pesar da situación cambiante no contexto internacional coa que traballa o sector de Rías Baixas, este conseguiu afrontar a realidade incrementando as súas vendas de exportación un 6,68% en volume e un 4,42% en valor durante o ano pasado. Unhas cifras que amosan a resiliencia das empresas adscritas á D.O. Rías Baixas, con 107 adegas participando nos seus plans de exportación e tras anos de duro traballo por promocionar os seus viños atlánticos dentro e fora das nosas fronteiras.
Estes algo máis de 8 millóns e medio de litros tradúcense nun total de 11.530.917 botellas, que representan o 31,89% das vendas totais dos viños de Rías Baixas. O seu prezo medio sitúase en 7,85 euros, 0,17 € menos co pasado exercicio.

O continente americano, con Estados Unidos á cabeza, continúa sendo o destino de referencia para Rías Baixas, cuxas exportacións medraron un 5,03% en volume e un 2,18% en valor, aínda que a Unión Europea tamén experimentou un incremento notable -liderado por Reino Unido-, concretamente un 12,05% en volume e un 10,93% en valor. O presidente do Consello Regulador, Isidoro Serantes, manifesta a súa satisfacción polas cifras: “As adegas están vivindo uns meses de incertidume pola situación xeopolítica, os vaivéns do presidente Trump respecto á porcentaxe de incremento dos aranceis, as guerras, a crise enerxética e de prezos… Afortunadamente 2025 pechou en positivo, e neses resultados tivo moito que ver o traballo dos departamentos de exportación das adegas, a boa predisposición das distintas administracións e a implicación do equipo de promoción do Consello Regulador, todos aliñados na consecución deste fin. Temos unha folla de ruta clara, que implica tentar anticiparnos a todos os cambios que se están producindo nos mercados. Sabemos que non é unha tarefa doada e somos conscientes do peso que supoñen as vendas nos mercados de exportación para o desenvolvemento futuro desta Denominación de Orixe. Por iso, desde aquí so teño palabras de agradecemento para todos os actores antes mencionados polo esforzo que realizan para mellorar o posicionamento internacional destes viños atlánticos”.

Europa e América, destinos preferidos
Os dez primeiros destinos concentran o 81,77 % do volume e o 79,97% do valor. A disposición do top-ten en volume repártese entre ambos continentes: Estados Unidos (+5,38%), seguido como xa é habitual por Reino Unido (+8,28%), Porto Rico (+2,62%) e Irlanda (+11,01%). Tras estes catro “clásicos” completan o top-ten: México, Bélxica, Países Baixos, República Dominicana, Suecia e Alemaña. Nesta ocasión Canadá desprázase á undécima posición, tanto en volume como en valor. O mercado de Estados Unidos so, representa o 35% do volume con 85 adegas que venden ao devandito país.

Para contextualizar, as cifras de exportación do ano 2025: as adegas venderon 541.223,11 litros máis co exercicio anterior, facturando 2.872.263,90 € máis.

No pasado exercicio, 107 adegas de Rías Baixas levaron os seus viños a algún dos máis de 117 destinos internacionais. Ramón Huidobro afirma “traballamos para seguir desenvolvendo accións de promoción nos nosos principais mercados de destino, compaxinándoo con accións puntuais noutras localizacións que suscitan o interese do sector, incidindo naqueles aspectos que nos permitan dar a coñecer a esencia do noso territorio e as nosas xentes, e as cualidades dos viños”.
Para apoiar este labor, desde o Consello Regulador levan anos promovendo os seus viños en mercados obxectivo, promovendo plans de exportación, que se centran prioritariamente en Estados Unidos, Reino Unido, Porto Rico, México, Irlanda, Países Baixos (Holanda), Bélxica e Suíza. Ademais hai que engadir accións puntuais levadas a cabo o pasado exercicio noutros países como República Dominicana, Dinamarca, Alemaña, Canadá, Italia e Xapón. Un esforzo no que o Consello Regulador non so investíu imaxinación, tempo e traballo, senón tamén máis dun millón de euros en 2025 para fomentar a proxección dos viños de Rías Baixas nos mercados internacionais.