Volver

19 de Decembro

A DENOMINACIÓN DE ORIXE RÍAS BAIXAS CELEBRA O SEU DERRADEIRO PLENO DO ANO

O Consello Regulador da Denominación de Orixe Rías Baixas celebrou onte o derradeiro pleno do ano. Nel aprobáronse o presuposto para 2026, o Plan de Promoción para o próximo ano e a decisión de que, a partir de agora, as cotas que segundo a súa actividade aboan os inscritos no seo da Denominación de Orixe se actualizarán en función do IPC do exercicio anterior. Unhas cotas que estaban vixentes desde 2001 e que a partir do día 1 de xaneiro de 2026 se indexarán cada ano ao IPC do exercicio anterior.

Durante a sesión plenaria tamén se fixo un repaso detallado do Plan de Promoción, Comunicación e Marketing desenvolto este ano, así como dos datos relativos á Campaña de Vendima 2025 e ás actividades propias do Órgano de Control e Certificación, especialmente no que atinxe ás auditorías e verificación da aptitude dos viños de Rías Baixas.

Novas cotas

Esta actualización de cotas é a primeira que se fai en 25 anos. Aplicarase a partir do día 1 de xaneiro de 2026 e continuará nos exercicios sucesivos sempre indexada ao IPC do añn anterior, neste caso do ano 2024. En calquera caso, o acordo non afecta ao importe actual para as precintas de garantía e para a cota de novas inscricións, que se manterán como ata o de agora.

Presuposto 2026

O presuposto de 2026 preséntase equilibrado en gastos e ingresos e ascenderá a un total de 4.371.828 euros. Unha cantidade que procede das cotas dos asociados e ingresos extraordinarios (61,95%), as subvenciónes e o remanente de anos anteriores. Estes cartos destinaranse a gastos de funcionamento, control de calidade (19,28%), promoción (68,5%) e inversións.

Plan de promoción

Finalmente, o Pleno aprobou o Plan de Promoción de 2026, que inclúe accións, plans de promoción, campañas publicitarias (“Blanco como Ninguno” e a que se desenvolve conxuntamente coa D.O.P. Jamón de bellota 100% Ibérico de los Pedroches); a participación en feiras locais, nacionais e internacionais, o desenvolvemento de plans sectoriais en mercados prioritarios (USA, UK, México, Irlanda, Puerto Rico, Países Baixos, Bélxica, Suíza e Alemaña), a comunicación interna e externa, así como a colaboración coa Asociación Ruta do Viño Rías Baixas.

Outros asuntos

Asimesmo, os vogais debatiron sobre os acordos adoptados o día 4 de decembro en Europa entre o Parlamento Europeo, a Comisión e o Consello, relativos ao viño, o denominado “paquete viño”, e como pode influir e contribuir aos retos que ten por diante o sector da Denominación de Orixe Rías Baixas. Ademais, foron informados dos cambios na norma de nutrición sostible do solo agrario, que se recollen no Real Decreto 934/2025.