Tes a idade legal para consumir bebidas alcohólicas no teu país?
Para acceder aos contidos da nosa web debes ser maior de idade no teu país de residencia.
A xornalista estadounidense especializada en viños Virginie Boone estivo hoxe na sede da D.O. Rías Baixas para catar preto dun cento de marcas. O obxectivo desta sesión é valorar ‘in situ’ a diversidade, a gran variedade de elaboracións e a calidade destes viños atlánticos.
Unha visita, que este Consello Regulador agarda que volva repetirse, pois Boone cobre España, ademais doutras importantes rexións vitivinícolas, para o medio de comunicación JebDunnuck.com. O seu desexo por ir directamente ao orixe da historia do viño tróuxoa ata a D.O. Rías Baixas, e tamén o seu compromiso coa precisión, o seu espírito de exploración e de querer coñecer as persoas que están detrás do viño, neste caso dos Rías Baixas. Esta Denominación de Orixe ten moito que dicir a Virginie Boone nese senso, pois coincide con ela na filosofía de que a crítica do viño debe tratarse non so como un exercicio de cata, senon como unha exploración da cultura, a xeografía e a artesanía que tan ben representa a esta rexión vitivinícola atlántica.
E así o fixo Virginie Boone na sede do Consello Regulador, onde puido probar un total de 95 marcas, sobre todo da colleita actual, a 2025, pero tamén da 2024, 2023, 2022, algún 2020, 2018, 2016 e 2012. A maioría deles son viños brancos, moitos sen crianza (monovarietais e varietais), pero tamén probou marcas con crianza como viños sobre lías, en barrica… tamén algún espumoso de calidade, e tintos Rías Baixas. O obxectivo é que esta xornalista especializada en viños valore a gran variedade de posibilidades das elaboracións das adegas de Rías Baixas e, por conseguinte, o traballo que se está desenvolvendo actualmente nelas.
Como explica a directora de Marketing, Eva Mínguez, “para nós a visita de todos os profesionais son moi necesarias desde o punto de vista promocional e profesional. De feito, os seus comentarios e observacións nos axudan moito e se trasladan ao sector. Pero a visita de Virginie é moi importante se temos en conta que Estados Unidos é o noso principal mercado de exportación, onde desenvolvemos un ambicioso plan de promoción”.
Primeiro mercado internacional
O mercado de Estados Unidos, por si so, representa o 35% do volume das exportacións de Rías Baixas, onde 85 adegas venden ao devandito país. No exercicio 2025 este mercado creceu un 5,38% en volume, acadando os 3.077.110 litros, e un 1,28% en valor, chegando aos 23.811.549 euros.
Sobre Virginie Boone
Virginie Boone, xornalista pola Universidade de Stanford, comezou a súa carreira en Lonely Planet, unha experiencia que contribuíu a forxar a súa perspectiva única sobre a crítica de viños. Na actualidade, Boone cobre o estado de Washington, España, Arxentina e varias rexións clave de California para JebDunnuck.com.
Pero, Virginie Boone pasou varios anos no Santa Rosa Press Democrat, escribindo artigos e noticias sobre vino, comida e viaxes para o xornal diario, que anteriormente pertencía a The New York Times Co., tamén na súa revista trimestral de comida e viño, Savor. Un traballo que a levou a Wine Enthusiast como editora colaboradora e crítica de viños.