Volver

26 de Febreiro

Máis de noventa marcas de 21 adegas participaron no Salón do Viño da D.O. Rías Baixas en Oviedo

26 de febreiro de 2019.- Case un cento de marcas da D.O Rías Baixas protagonizaron onte o seu primeiro Salón do Viño de 2019 en Oviedo. O hotel La Reconquista foi escollido para esta posta de longo nun mercado maduro destes viños con selo atlántico. Vinte e unha adegas acudiron a esta cita co prescritor asturiano, que tuvo a oportunidade de probar unha gran variedade e tipoloxía de Rías Baixas, desde viños da colleita 2018, viños sobre lías (3), elaborados en barrica (6), escumosos (4), tamén seleccións de colleita, viños elaborados 100% con variedades autóctonas como a loureira e a caíño, ata diferentes colleitas 2016 (9), 2015 (5)… Unha ampla mostra do traballo que na actualidade se realiza nesta Denominación de Orixe, caracterizado pola singularidade dos seus viños.

Medio milleiro de persoas participaron nesta actividade, que causou gran expectación entre o público asistente. Ata Oviedo desprazáronse o presidente do Consello Regulador, Juan Gil; o director xeral, Ramón Huidobro; e a directora de marketing, Eva Mínguez.

Oviedo é un mercado prioritario para os viños de Rías Baixas, tanto é así que non faltan á súa cita cos profesionais e consumidores. De feito, os viños de Rías Baixas organizaron salóns do viño nesta cidade en 2006, en 2011 coa presentación da colleita, e en 2014.

Mercado Asturiano
Segundo datos da Consultora Nielsen, de outubro de 2018, Oviedo está dentro da Área 5 ou Área Noroeste do seu estudo, que integra as comunidades de Galicia, Asturias e as provincias. Os viños de Rías Baixas representan o 33,3 % dese mercado. Son o viño branco con D.O. máis vendido nese territorio.

Como constata o informe, os viños da D.O. Rías Baixas manteñen a súa cota de mercado en 2,9 puntos, afianzándose na sétima posición dentro do Ranking de Denominacións de Orixe no mercado nacional. Se nos centramos nas canles de venda: en hostalaría Rías Baixas ocupa o quinto lugar dentro do ranking cun 3,5% de cota de mercado; mentres que en alimentación mantén a súa cota en 2,2%, acadando o décimo lugar.