Tes a idade legal para consumir bebidas alcohólicas no teu país?
Para acceder aos contidos da nosa web debes ser maior de idade no teu país de residencia.
O inglés é un plus para calquera profesión e reforzalo no ámbito laboral é máis que necesario. Por iso, doce profesionais desta Denominación de Orixe participan nunha nova edición do Curso de Inglés para Adegas da D.O. Rías Baixas, organizado por este Consello Regulador. A devandita actividade, que ten lugar no Pazo de Mugartegui, prolongarase ata o mércores 17. Unha formación que imparte o profesor de idiomas especializado no sector do viño Andrew Black, que achegará novas destrezas en lingua inglesa aos alumnos, pertencentes a distintos departamentos de atención ao cliente, relacións públicas, xerencia e comercial das adegas inscritas e que xa conten cun nivel medio de inglés.
A primeira xornada do luns dedicouse ao marketing, concretamente a Como presentar os viños da D.O. Rías Baixas, con frases e vocabulario esenciais para adegas familiares, grandes e cooperativas. Tamén se practicou como describir a filosofía dos propietarios, así como as características das súas variedades autóctonas, en especial a albariño, con frases para chamar a atención ao cliente ou distribuidor.
Hoxe martes, segundo día, centrouse na adega e na Elaboración do viño. Deste xeito, aprenderon a explicar de forma sinxela como se elabora o viño na adega e expresar a súa opinión sobre os viños de crianza, así como a falar das tendencias futuras como os viños tintos, espumosos de calidade e premium. Finalmente describiuse de forma comercial a gama de viños da adega.
Mañá mércores, derradeiro día, será unha Sesión práctica a través dunha cata de viños extranxeiros e de Rías Baixas. O obxectivo da mesma é expresar en inglés as calidades de cada viño.
Esta nova edición do curso é unha oportunidade para que os alumnos e alumnas repasen, practiquen e se poñan ao día. Tendo en conta o importante mercado de exportación dos viños de Rías Baixas, falar inglés con fluidez é unha ferramenta necesaria á hora de recibir visitas de profesionais do sector procedentes doutros países, así como para participar en feiras internacionais e en diferentes eventos que se organizan en distintos mercados.