Tes a idade legal para consumir bebidas alcohólicas no teu país?
Para acceder aos contidos da nosa web debes ser maior de idade no teu país de residencia.
Os viños acollidos ao Consello Regulador da Denominación de Orixe Rías Baixas mantiveron a tendencia á alza das súas vendas durante o exercicio 2025, con 36.157.121 precintas de garantía (máis comunmente coñecidas como tirillas ou contraetiquetas). Estas son expedidas polo Consello Regulador e o seu incremento con respecto ao ano anterior foi do 3,05%. Os litros de viño verificados polo Órgano de Control e Certificación en 2025 ascenderon a 27.117.841 litros. Unhas cifras que mostran o bo posicionamento dos viños de Rías Baixas no mercado tanto nacional como internacional.
Estes viños atlánticos mantéñense na cifra de máis de 36 millóns de botellas vendidas. A maior parte destas quedan en España, mercado por excelencia destes viños de orixe galega; mentres que á exportación destinan ao redor dun 31,89% do volume total, unha actividade na que en 2025 participaron 108 adegas amparadas pola denominación de orixe.
Orzamento 2026
O orzamento deste ano para o Consello Regulador preséntase equilibrado en gastos e ingresos e ascenderá a un total de 4.371.828 euros. Unha cantidade que procede das cotas dos asociados e ingresos extraordinarios (61,95%), as subvencións e o remanente de anos anteriores. Este diñeiro destinarase a gastos de funcionamento, control de calidade (19,28%), promoción (68,5%) e investimentos.
Plan de promoción
O Plan de Promoción de 2026 inclúe accións, plans de promoción, campañas publicitarias como “Blanco como Ningún” e a que se desenvolve conxuntamente co Consello Regulador de Xamón de landra 100% Ibérico da D.O.P. os Pedroches “Ao fin xuntos”, a participación en feiras locais, nacionais e internacionais, o desenvolvemento de plans sectoriais en mercados prioritarios (USA, UK, México, Irlanda, Porto Rico, Países Baixos, Bélxica, Suíza e Alemaña); a comunicación interna e externa, así como a colaboración coa Asociación Roteiro do Veu Rías Baixas.
Plan Director
Para manter esta tendencia, o Consello Regulador traballa na consecución das liñas estratéxicas do seu Plan Director 2030 co claro obxectivo de incrementar o valor en vendas dos viños de Rías Baixas. Un documento centrado en catro piares: máis volume sen perder calidade, incrementar a presenza no mercado internacional, máis portfolio en elaboracións Premium e unha aposta maior pola sustentabilidade e innovación.