Volver

Os viños de Rías Baixas imparables con máis de 250 premios durante 2021 nos concursos nacionais e internacionais

30 de Decembro

Os viños da Denominación de Orixe Rías Baixas sumaron 255 galardóns e eloxios na súa participación en concursos enolóxicos nacionais e internacionais durante 2021. Concretamente obtiveron 249 galardóns e 6 recomendacións en 11 citas establecidas no calendario oficial da Organización Internacional da Viña e o Viño (OIV) ás que concorreron desde xaneiro as distintas adegas adscritas á denominación. Do conxunto de galardóns, 6 son da categoría de gran ouro, 72 da de ouro, 76 de prata, 95 de bronce, así como seis eloxios ou recomendacións. Os viños de Rías Baixas destacados corresponden na súa maioría á anada 2020. Un feito que corrobora a cualificación da devandita anada como ‘Moi Boa’.

Entre os mellores viños brancos do mundo

Estes premios nos máis prestixiosos concursos internacionais veñen corroborar o bo posicionamento dos viños de Rías Baixas como uns dos mellores brancos do mundo. Así, algúns exemplos son os Bacchus 2021 que premiaron a 26 albariños Rías Baixas: 1 gran bacchus de ouro, 12 bacchus de Ouro e 13 de Prata. Por outra banda, os Baco outorgaron 21 galardóns: 1 gran Baco de ouro, 15 Bacos de ouro e 5 de prata. Os Vin España, concurso nacional de viños organizados pola Federación Española de Enoloxía, outorgaron ás marcas da D.O. Rías Baixas 11 premios: 3 gran ouro, 6 ouros e 2 pratas.

No ámbito internacional, os viños Rías Baixas conseguiron 75 galardóns: 3 ouros, 15 pratas, 55 bronces, 1 platino e 1 Best in Show nos Decanter World Wine Awards. Aos que se suman tamén as 38 medallas e 5 recoñecementos pertencentes ao International Wine Challenge: 4 ouros, 14 pratas, 20 bronces, así como 4 recomendacións e 1 trofeo.

Outros concursos internacionais nos que os viños da Denominación de Orixe Rías Baixas recibiron numerosos galardóns son o Challenge International du Vin con 7 premios (4 ouros e 3 pratas); tamén o Concurso Mundial de Bruxelas con 9 galardóns (4 ouros e 5 pratas); o Asia Wine Trophy con 18 trofeos (15 ouros e 3 pratas); o Mundus Vini con 16 premiados (6 ouros e 10 pratas) e un total de 25 no IWSC International Wine & Spirit Competition (5 pratas e 20 bronces). A presenza destes viños por todo o mundo queda constatada coa súa participación tamén en Citadelles du Vin con 4 medallas (3 ouros e 1 prata).