Volver

26 de Xullo

Os viños de Rías Baixas manteñen a súa aposta pola internacionalización con 103 adegas vendendo ao exterior

20 de xullo de 2018.- Unha trintena de adegas da D.O. Rías Baixas participaron esta mañá nunha xornada sobre mercados exteriores celebrada no Pazo de Mugartegui. As dúas directoras de contas de Gregory+Vine, Natasja Mallory e Trish Heywood, presentaron os resultados da campaña de promoción en Estados Unidos, así como o avance de actividades previstas para os vindeiros meses. Pola súa parte, o director xeral do Observatorio Español del Mercado del Vino, Rafael del Rey, falou sobre “Evolución e tendencias dos mercados do viño. O viño branco de calidade”.

Na actualidade, das 184 adegas adscritas a esta denominación 103 atópanse xa en plans de exportación, máis dun 56%. Destas, unhas 50 exportan os seus viños a Estados Unidos, principal mercado internacional para os viños de Rías Baixas con 2.468.535,50 litros en 2017. “A Xeración X e os Millenials, público ao que nos diriximos, presentan unha perspectiva positiva do mercado de Estados Unidos para os vindeiros 10 anos, xa que son eles os que sustituirán os Baby Boomers no consumo de viños. Ademais, conforman un público disposto a gastar máis por un viño de calidade e a probar elaboracións novas”, explicou Natasja Mallory.

Desde Gregory+Vine destacaron os positivos resultados derivados da campaña 2017-2018, tamén reflectidos nas cifras de exportación, que medraron respecto ao período anterior. Ademais de aumentar a súa presenza en medios de comunicación, a promoción dos Rías Baixas tamén se viu incrementada a través das distintas plataformas dixitais especializadas en viños. As accións repercutiron nun incremento do número de visitantes á web www.riasbaixaswines.com, á que se engade contido de maneira regular. Todo isto reforzado polas mensaxes e as interaccións en redes sociais a través dos perfís de Facebook e de Twitter.

A estratexia dixital seguirá manténdose nos vindeiros meses, con novas incorporacións co desenvolvemento dun perfil específico en Instagram, así como certas novidades dentro da propia páxina web, xa que resulta unha ferramenta fundamental de promoción das adegas e das súas elaboracións. Paralelamente, continuarán as colaboracións cos portais dixitais especializados en viños, ademais do desenvolvemento de accións promocionais en cidades como New York, Boston, Los Ángeles, Washington, Miami o Houston, entre outras.

Unha completa estratexia baseada en tres mensaxes. Aos eslóganes O viño branco por esencia -xa incorporado en 2017- e Atopa o Camiño a Rías Baixas súmase este ano O viño de clase mundial-Albariño Rías Baixas, un apelativo fundamentado na “descrición que fan os prescriptores dos viños de Rías Baixas”, indicou Mallory.

Charla sobre o mercado da exportación

Tras a exposición de Gregory+Vine, Rafael del Rey efectuou unha radiografía da situación actual das exportacións españolas, con valor crecente. Centrou parte da súa exposición en Galicia, que actualmente ocupa o duodécimo lugar en volume e o décimo terceiro en valor do conxunto das Comunidades Autónomas.

Os viños galegos xa exportan en valor un 41,5% a Estados Unidos e Reino Unido, e se lle engadimos China a cifra sobe ao 50 %. Este dato constata que os prezos medios dos viños galegos atópanse por riba dos prezos medios do viño en España. De feito, segundo engadiu o director do OEMV, as tres primeiras comunidades por valor na categoría de viños brancos envasados son: Castela e León, Cataluña e Galicia.

Neste sentido, destacou a recuperación do mercado británico desde 2016, o incremento de Estados Unidos e Alemaña desde 2014, a forte progresión dos Países Baixos e a estabilidade de Xapón. Son tendencias de mercado que se poden ver nas cifras de exportación da D.O. Rías Baixas, así como nos seus oito plans promocionais deste ano, concretamente en Estados Unidos, Reino Unido, Alemaña, Irlanda, Países Baixos, Xapón, México e Polonia, así como accións puntuais noutros países como son Suiza e Canadá, ou a participación nas feiras internacionais de Hong Kong e Singapur.

Rafael del Río falou tamén sobre os retos de futuro, entre os que se atopa a polarización dos mercados e a conquista de novos mercados. “Para esto último resulta fundamental a promoción e a captación de distribuidores”, afirmou. Concluíu a súa intervención destacando a importancia de amosar o territorio aos distintos públicos estranxeiros, tanto profesional como xeral, para continuar incrementando as vendas dos viños nun mercado moi competitivo. Neste sentido, puso de manifesto a importancia de ofrecer actividades sobre o mundo do viño. “Un mellor aproveitamento do enoturismo non só beneficia a imaxe de marca, senón tamén a venda de viños”, explicou o director xeral do OEMV, quen animou ás adegas a apostar por este tipo de accións.