Volver

06 de Marzo

OS VIÑOS DE RÍAS BAIXAS MANTEÑEN UN BO POSICIONAMENTO NO MERCADO NACIONAL NUN 2023 CONVULSO

Os viños de Rías Baixas mantiveron un bo posicionamento no mercado nacional durante o último exercicio, no que mostran especialmente a súa fortaleza en valor. España viviu unha retardación no consumo de viño con DO este último ano. É unha das conclusións que lanza o informe da Consultora NielsenIQ de setembro de 2023, presentado a máis de 80 profesionais do sector de Rías Baixas.

Os viños con Denominación de Orixe diminuíron as súas vendas na canle de alimentación e hostalería nun 2,4% en volume, mentres que en valor aumentaron un 5% as súas vendas pasando dos 2.142 Millóns de Euros aos 2.250 Mill. de € en ambas as canles entre o ano pechado a setembro 2022 e o pechado a setembro de 2023.

Pola súa banda, Rías Baixas situouse como o segunda D.O. de España en valor de vendas de viño branco con Denominación de Orixe nas canles de alimentación e hostalería, manténdose como a terceira no caso de volume de vendas. Se ampliamos estes datos ao segmento de viño con Denominación de Orixe, Rías Baixas ocupa o cuarto lugar no TOP 10 de DO de España en cota de valor, e o oitavo no caso de volume de vendas.

Segundo explica o informe desta consultora, as áreas con maior venda dos viños de Rías Baixas son o Noroeste de España (Galicia, Asturias e León), seguidas polo Leste (Comunidades de Valencia e Murcia, así como Albacete), o Sur de España (Andalucía, Sur de Estremadura) e as áreas metropolitanas de Barcelona e Madrid.

A confianza do consumidor nos viños de Rías Baixas queda patente en 2023 coa comercialización de 35.044.689 botellas, equivalentes a 26.283.517 litros, en todos os mercados. Desta produción, o 29,64% destinouse aos mercados internacionais, onde o prezo medio exworks foi de 7,78 € o litro. Con Estados Unidos e Reino Unido á cabeza en volume e valor, o continente americano é o que máis viño importa desta denominación de orixe galega.