Tes a idade legal para consumir bebidas alcohólicas no teu país?
Para acceder aos contidos da nosa web debes ser maior de idade no teu país de residencia.
Os viños de Rías Baixas promociónanse en Puerto Rico, un dos seus principais mercados de exportación. Precisamente esta é a última viaxe internacional que a Denominación de Orixe Rías Baixas realiza en 2026. San Juan de Puerto Rico acolleu unha xornada sobre estes viños atlánticos á que asistiron preto dun centenar prescritores, entre os que se atopaban influencers, winelovers, foodies, medios de comunicación, sumilleres e importadores. O acto central foi un showroom no que participaron 26 adegas de Rías Baixas e máis de 60 marcas destes viños atlánticos.
Ata alí desprazáronse o pasado 29 de outubro o secretario xeral e a directora de marketing deste Consello Regulador, Ramón Huidobro e Eva Mínguez, e algunhas das adegas participantes. O obxectivo foi dar a coñecer os viños de Rías Baixas nun mercado no que son moi valorados e están situados dentro do top ten de vendas no exterior.

Previamente ao showroom celebrouse un seminario sobre os viños de Rías Baixas, que foi presentado polo secretario xeral deste Consello Regulador, Ramón Huidobro, e impartido por Alejandro Ferris, da Academia de Sommelier de Puerto Rico. Ramón Huidobro durante a súa introdución puxo en valor a aposta polas variedades autóctonas desta Denominación de Orixe, especialmente a albariño, e tamén a tradición vitivinícola de Rías Baixas, o seu clima, a súa paisaxe, en definitiva, os seus viños atlánticos. A maioría dos viños que se degustaron pertencían á colleita 2025, pero tamén houbo representación da anada 2024 á 2020, así como algún viño da 2018 e 2016, precisamente o ano desta colleita máis lonxeva foi o primeiro en que esta Denominación de Orixe española visitaba a illa para promocionar e formar sobre os seus viños atlánticos.
Representa o bronce no top-ten
Puerto Rico ocupa a terceira posición fai xa bastantes anos no seu top-ten de vendas internacionais, posición que mantén segundo os datos da campaña 2025-26, cun volume de 620.642 litros e un valor que supera os cinco millóns de euros. Ademais, máis de medio centenar adegas xa están presentes no mercado portorriqueño.
