Quen

Somos

179

Bodegas

4.321

Hectáreas

22.832

Parcelas

5.011

Viticultores

A Denominación de Orixe Rías Baixas é unha pequena zona vinícola situada no noroeste de España, na comunidade autónoma de Galicia. Nas Rías Baixas existe unha tradición vitivinícola milenaria, que se herdou xeración tras xeración, pero dende 1988, coa constitución do seu consello regulador, o sector vitivinícola adquiriu un peso fundamental no desenvolvemento da economía deste territorio.

A Denominación de Orixe Rías Baixas abrangue a provincia de Pontevedra, unha pequena parte da Coruña e divídese en cinco subzonas: Val do Salnés, O Rosal, Ribeira do Ulla, Condado do Tea e Soutomaior.

A DO Rías Baixas caracterízase polo minifundio extremo. Ocupa 4.184 hectáreas, repartidas en máis de 22.500 parcelas.

A nosa aposta polas variedades autóctonas, que acadan o seu máximo desenvolvemento neste territorio, e a viticultura tradicional confiren unha auténtica calidade e orixe a uns viños cun marcado carácter atlántico.

A evolución dos viños Rías Baixas foi extraordinaria dende súa saída ao mercado, que se iniciou na década de 1980, e continúa imparable. Só nos últimos dez anos, as vendas das adegas da DO Rías Baixas aumentaron un 42 %, ata case 28 millóns de litros de viño, e as exportacións case se triplicaron, ata os 9,5 millóns de litros.

De turismo polas Rías Baixas

Vivimos e traballamos nunha contorna natural privilexiada cun patrimonio cultural, paisaxístico e gastronómico moi rico. A Ruta dos viños Rías Baixas ofrece a experiencia de enoturismo máis completa nunha zona única, como son as Rías Baixas. Grazas á nosa historia, moitas das nosas adegas atópanse en edificios singulares da arquitectura tradicional galega, como os pazos e as casas señoriais, rodeadas de espectaculares xardíns. Percorre a Ruta dos viños Rías Baixas e mergúllate na cultura do viño cos 5 sentidos!

Diversión e gastronomía: As nosas festas

As nosas festas

Os viños Rías Baixas, como todos os viños de calidade, son gastronomía, cultura, pero tamén froito dun esforzo constante durante o ano de viticultores, adegas, enólogos, técnicos e moitos máis, que se debe loar.

Esta é a orixe das nosas festas do viño: A Festa do viño Rías Baixas Albariño, a Feira do viño do Rosal, a Festa do viño do Condado, a Exaltación do viño da Ulla, a Festa do espumoso, a Festa do viño tinto Rías Baixas… Son un lugar de encontro para os nosos profesionais e un oportunidade de brindar polo seu excelente traballo.

01/06

Festa do viño Albariño Rías Baixas

Cambados (Pontevedra) - Semana do primeiro domingo de agosto

A Festa do viño Rías Baixas Albariño é a máis antiga das festas gastronómicas de Galicia e reúne cada ano, dende 1953, a miles de persoas en Cambados, berce do Albariño, para render unha merecida homenaxe ao viño máis popular da nosa denominación de orixe. Durante a festa, os asistentes degustan os viños das diferentes adegas da nosa DO que abren as súas casetas ao público. O consello regulador da DO Rías Baixas organiza cada ano un Túnel profesional do viño aberto ao público e unha Cata concurso Rías Baixas, onde elixe os mellores Rías Baixas Albariño do ano. O Capítulo Serenísimo da Orde do Albariño nomea cada edición os cabaleiros e damas do Albariño para difundir e promover as virtudes do noso viño.

02/06

Festival do Viño do Condado de Tea

Salvaterra do Miño (Pontevedra) - Semana do primeiro domingo de agosto

A festa de exaltación dos viños Rías Baixas Condado do Tea celébrase na extraordinaria Fortaleza de Salvaterra, un conxunto histórico declarado ben de interese cultural que reúne a veciños e visitantes para gozar dos mellores viños da subzona do Condado do Tea. O evento ofrece produtos gastronómicos do mar, da terra e do río e inclúe unha variada programación cultural nas noites gastronómicas. O domingo anúncianse os viños deliciosos do ano e faise o nomeamento solemne dos confrades, embaixadores encargados de defender e difundir as virtudes dos viños do Condado.

03/06

Feira do Viño do Rosal

O Rosal (Pontevedra) - Segunda/Terceira fin de semana de xullo.

A Feira do viño do Rosal comeza coa lectura do pregón na Praza do Calvario do concello do Rosal e prolóngase durante os 3 días da fin de semana. Milleiros de persoas acoden cada ano a degustar os viños Rías Baixas Rosal que as adegas ofrecen aos asistentes en casetas dispostas arredor da praza, ao tempo que gozan dun completo programa de concertos, actividades para nenos e degustación da gastronomía da zona. As adegas abren as súas portas aos visitantes que desexen coñecer os seus viñedos e os seus procesos de elaboración, e o Concello do Rosal organiza rutas de sendeirismo e probas deportivas nun completo programa de festas.

04/06

Exaltación do Viño da Ulla

Vedra (A Coruña) - Terceiro domingo de abril

A tradicional festa de exaltación dos viños Rías Baixas Ribeira do Ulla reúne a veciños e visitantes na parroquia de San Miguel de Sarandón, no Concello de Vedra. Os produtores da subzona do Ulla ofrecen viño gratis aos asistentes en grandes botas de viño colgadas para a ocasión na xa denominada Praza do Viño e a organización nomea aos novos membros da Orde dos amigos e amigas da bota do Viño da Ulla. O programa inclúe degustación de produtos gastronómicos tradicionais, actuacións musicais e unha mostra da agricultura, artesanía e turismo da zona.

05/06

Festa do viño espumoso DO Rías Baixas

Salvaterra do Miño - Primeira fin de semana de decembro

A poucas semanas do comezo do Nadal e da tempada de alto consumo do viño Rías Baixas Espumoso, celébrase no Castelo de Dona Urraca a Festa do viño espumoso DO Rías Baixas. As adegas da nosa DO que elaboran espumosos reúnense cos visitantes que, ademais de catar os seus viños, xunto con tapas e produtos gastronómicos da zona, teñen a oportunidade de asistir a cursos de cata e showcookings. A apertura das botellas de espumoso realízase mediante a técnica do degolado a sabre, que merece a pena ver en directo.

06/06

Festa do tinto Rías Baixas

As Neves (Pontevedra) - Primeira fin de semana de xullo

A Festa do tinto Rías Baixas reúne a produtores e amantes dos tintos da DO Rías Baixas na praza maior do Concello das Neves para exaltar os cada vez máis coñecidos viños tintos da nosa DO. As Neves, e concretamente a parroquia de Rubiós, é o centro da elaboración de viños tintos, e a festa xira arredor dos viños elaborados con uva Caíño Tinto, Espadeiro e Retinto. A celebración enogastronómica complétase cun amplo programa cultural, catas profesionais, degustacións, rutas de tapas nos establecementos do concello e actividades nas adegas.