Volver

03 de Outubro

Recta final na vendima da D.O. Rías Baixas, que suma máis de 32 millóns de quilos de uva

3 de outubro de 2019.- A colleita na D.O Rías Baixas chega á súa fin, manténdose as previsións de descenso que se anunciaban no Informe de Estimación de Colleita 2019, elaborado polo Órgano de Certificación e Control e presentado ao Pleno o pasado 29 de xullo. Ata o momento recolléronse 32.000.000 quilos de uva, na súa maioría de variedades brancas. Precisamente a pasada fin de semana a maior parte das adegas concluíron a vendima 2019. As más serodias serán as empresas pendentes de recoller sobre todo as variedades tintas de Rías Baixas, que representarán máis ou menos o 0,80% da produción total da colleita.

A presente vendima desenvolveuse con tranquilidade e a bo ritmo nun viñedo que se atopaba nun bo estado sanitario e vexetativo. O resultado é unha uva sa e con boas graduacións, a falta de verificar os equilibrios dos mostos. O que si pode prognosticar é que será unha colleita de calidade e moi aromática.  Segundo explica o director técnico do Consello Regulador, Agustín Lago, “en xullo, tal como se desenvolvera o ciclo vexetativo, xa se estimaba que os acios fosen máis pequenos e menos pesados. De feito, a falta de chuvias en agosto e incluso principios de setembro motivou que os acios pesen menos do previsto inicialmente no noso informe de estimación de vendima e que descendesen máis os quilos de uva”. As previsións apuntaban en xullo a un descenso respecto a 2018 dun 6 %, pero que ata o momento serían case o 16,9% con 32.000.000 quilos de uva.

Unha vendima a man

25 auditores-veedores son os responsables de velar polo bo desenvolvemento desta vendima 2019, así como polo cumprimento do prego de condicións. Nel recóllese que a colleita en Rías Baixas efectuase toda a man e en caixas normalizadas con 20 quilos de capacidade.

Como curiosidade, este ano as adegas da subzona do Salnés remataron máis cedo que o resto de subzonas, incluso daquelas que foron máis madrugadores e teñen por costume finalizar antes.

Na actualidade, o Consejo Regulador de Rías Baixas conta con 177 adegas inscritas. A superficie desta Denominación de Orixe abrangue 4.053 hectáreas repartidas entre 21.877 parcelas nas que traballan 5.177 viticultores.