Volver

02 de Novembro

REUNIÓN DE TRABALLO DAS AGAS DE RÍAS BAIXAS SOBRE OS MERCADOS INTERNACIONAIS

Un 30% dos viños da D.O Rías Baixas vendéronse nos mercados internacionais, a uns 70 países. Así o amosan as cifras da campaña 2022/23, na que participaron 105 adegas. Como vén sendo habitual, esta Denominación de Orixe organiza a finais de ano unha reunión con adegas para, en primeiro lugar, presentar os resultados das actividades promocionais en 2023 e posteriormente definir as pautas de actuación para 2024. Hoxe tivo lugar ese encontro na sede do Consello Regulador, o Pazo de Mugartegui, no que participaron adegas da denominación.

O secretario xeral do Consello Regulador, Ramón Huidobro, foi o responsable de iniciar esta reunión estratéxica para marcar as liñas de traballo internacional. Seguidamente, a directora de Marketing, Eva Mínguez, fixo un repaso das últimas cifras de exportación da campaña 2022/23, analizando cada un dos principais mercados de exportación e os planes promocionais desenvoltos en cada un deles. Asimesmo, explicou a visión do Departamento de cara ao próximo ano. Mínguez Lobato apuntou que “esta reunión é unha cita habitual dentro do calendario de actividades do Consello e, tanto para o departamento de Marketing como para as adegas é unha ferramenta de traballo útil e produtiva pois axuda a definir a estratexia futura de exportación”.

Neste 2023 executáronse nove plans de exportación, actualmente: Estados Unidos, Reino Unido, BENELUX, Irlanda, Canadá, México, Alemaña, Porto Rico e Polonia. De cara ao próximo ano continuarase cos plans en funcionamento e estudiaranse accións en mercados con potencial como poden ser Suecia en Europa, Colombia en Sudamérica e Taiwán en Asia. Como xa se anunciou coa presentación do novo Plan Director 2030, un dos obxectivos será o crecemento non so en vendas, senón  especialmente en valor para colocar os viños de Rías Baixas no segmento Premium.

Plans de exportación en USA

Esta sesión de traballo tamén contou coa participación da axencia de Rías Baixas en Estados Unidos e Canadá, que presentou os Plans de Promoción en ambos os dous países. A axencia estadounidense fixo un repaso pola situación do viño en Estados Unidos para poñer en contexto ás adegas asistentes, centrándose no viño español e branco. Natasha Majori explicou que “é importante entender as tendencias do mercado en Estados Unidos para poder planificar o 2024”.

Desta presentación pódese extraer que o viño branco de calidade está aumentando en popularidade nese país e que os viños de Rías Baixas superan aoos viños españoles en recoñecemento, baseado nas súas auténticas orixes que son difíciles de substituir. Ademais, os viños de Rías Baixas son recoñecidos polo 75% dos profesionais estadounidenses.