Volver

15 de Marzo

Rías Baixas obtén 24 galardóns no Concurso Bacchus 2018

15 de marzo de 2018.- A Denominación de Orixe Rías Baixas obtén uns bos resultados na décimo sexta edición do Concurso Internacional de Viños Bacchus 2018 con 24 viños galardoados. Das 71 marcas de Rías Baixas presentadas a este destacado certame vinícola, un total de 8 viños de 8 adegas foron galardoados co Bacchus de Ouro, e 16 co Bacchus de Prata.

Do conxunto de premios, dezaoito recaeron en viños da colleita 2017, catro na de 2016, un na de 2015 e outro na de 2012. Rías Baixas mantense así como a denominación de orixe galega con máis medallas nesta edición do concurso promovido pola Unión Española de Catadores ( UEC).

O presidente do Consello Regulador da Denominación de Orixe Rías Baixas, Juan Gil de Araujo, asistiu á Cea de Gala Bacchus, celebrada o pasado domingo no Hotel Urban de Madrid e na que se serviron viños de Rías Baixas. Juan Gil tivo unhas palabras de recordo para o recentemente falecido xornalista gastronómico Cristino Álvarez, coñecido como Caius Apicus.

Gil de Araujo explicou que o futuro desta Denominación de Orixe pasa “polos viños de garda, elaboracións especiais, viños, en definitiva, con maior valor engadido, que han de ser o camiño para que a nosa facturación e as nosas contas de resultados medren nos próximos anos. Materia prima para iso témola. Talento, seguro que tamén. Demostrárono os nosos viticultores, os nosos enólogos, os nosos adegueiros. E o camiño aprenderémolo traballando duro. Verano vostedes pronto”, afirmou.

Á cea acudiron os membros do xurado, entre os que se atopaban máis de dez Masters of Wine, tamén Master of Sommerlier, así como responsables de compra de importantes cadeas, catadoras e xornalistas especializados, procedentes dunha vintena de países.

O Concurso Internacional de Viños Bacchus está considerado como o maior certame vitivinícola do país. A esta décimo quinta edición presentáronse un total de 1.735 viños referencias procedentes de 21 países. Concretamente, un total de 80 indicacións xeográficas de calidade da España vinícola, con 61 Denominacións de Orixe incluídas, participaron nesta edición. Os cinco continentes estiveron representados coas mostras participantes de países como Alemaña, Arxentina, Australia, Brasil, Chile, Eslovaquia, Estados Unidos, Francia, Xeorxia, Hungría, Italia, México, Perú, Portugal, Principado de Andorra, República Checa, Romanía, Tunes, Turquía e Uruguai.

As mostras foron avaliadas por un xurado composto por 85 catadores que se deron cita entre o pasados día 8 e 12 de marzo no Casino de Madrid. Un xurado de primeiro nivel mundial liderados por doce Masters of Wine (John Salvi, Sarah Jane Evans, Pedro Ballesteros, Matthew Forster, Madeleine Stenwreth, Aina Mee, Almudena Alberca, Andreas Kubach, David Forer, Fernando Mora, Jonas Tofterup, Marcia Waters, Natasha Hughes) aos que acompañaron o Master Sommelier Eric Zwiebel, responsables de compras dalgunhas dos máis importantes importadores e cadeas de distribución internacional (Marks & Spencer, Makros), de importadoras como Heyday Wines ou The Oxford Wine Company) así como directores de prestixiosos concursos como Challenge International du Vin, Decanter Wine Awards, Concours deas Grands Vins Blancs du Monde, Mundus Vini, xornalistas especializados e representantes das principais institucións vitivinícolas a nivel mundial.

Promovido pola Unión Española de Catadores ( UEC), este importante certame internacional está auspiciado pola Organización Internacional da Viña e o Viño (OIV), ademais de contar co aval da Unión Internacional de Enólogos (UIOE), da Federación Mundial de Grandes Concursos de Viños e Espirituosos (VINOFED) e contar co recoñecemento oficial do Ministerio de Agricultura, Pesca, Alimentación e Medio Ambiente (MAPAMA).