Volver

13 de Setembro

Seis profesionais do sector vitivinícola mexicano inician unha visita de catro días á D.O. Rías Baixas

13 de setembro de 2021.- Seis profesionais mexicanos do mundo do viño iniciaron hoxe luns unha visita de catro días ás subzonas e adegas da denominación de orixe Rías Baixas. Unha misión inversa que deu comezo esta mañá no Pazo de Mugartegui, onde asistiron a unha pequena charla de presentación da Denominación seguida dunha cata de varias marcas de adegas que participan no Plan México desta denominación e onde mantiveron un breve encontro co presidente do CRDO Rías Baixas, Juan Gil de Araujo.

A directora de marketing do Consello Regulador, Eva Mínguez, foi a encargada de realizar a presentación da Denominación e destacou que “é a primeira misión inversa que ten lugar en Rías Baixas desde o inicio da pandemia da Covid-19. A visita desenvolverase con todas as medidas preventivas necesarias e estamos encantados de telos aquí porque México é un destino importante para os viños da DO Rías Baixas, pois desde hai anos figura no Top 10 das nosas exportacións”.

Tras a presentación tivo lugar unha primeira cata de diferentes marcas de adegas inscritas no Plan México, que está desenvolvendo esta denominación. Alberto Nacif, director da Academia de sommeliers mexicanos na península de Yucatán, sinalou que “estamos fascinados redescubrindo un produto que en México se está vendendo moi ben. Nas mesas, os comensais están pedíndoo cada vez máis e os sommeliers se sinten con máis confianza ao ofrecelo porque está maridando moi ben coa nosa gastronomía, que é moi complexa e demanda esta acidez”. Neste senso, puntualizou que “a gastronomía mexicana é moi complexa e non se leva nada ben con viños tímidos. E os viños Rías Baixas non o son, son moi explosivos en nariz e paladar, e iso compenétrase moi ben cos sabores da cociña mexicana, incluso cos pratos mái tradicionais”.

Algo no que incidiu Israel Aretxiga, sommelier e cociñeiro, quen asegurou que “se fixo un moi bo traballo nos últimos anos en México, tanto entre os profesionais como co público en xeral. Os viños Rías Baixas entraron ben e se están entendendo moi ben coa cociña mexicana en xeral e coa cociña de produto xa é un auténtico espectáculo”. Finalmente, Petrus Coenders, sommelier xefe en El Dorado Spa Resorts & Hotels, referiuse en concreto á cata desta mañá onde “atopamos moitos sabores: viños frescos, pero tamén outras elaboracións máis sorprendentes, sobre lías e de barrica, que ofrecen unha maior cremosidade”.

México, noveno mercado

Os participantes nesta misión inversa son:

  • Alberto Nacif, director da Academia de sommeliers mexicanos na Península de Yucatán. Sommelier e colaborador en medios gastronómicos.
  • Arisbeth Araujo, xornalista gastronómica; sommelier de un dos restaurantes máis destacados en Cidade de México; e colaboradora de El Universal.
  • Sergio González, director comercial de The Key Company Beard, actualmente forma parte do Consello Editorial en diferentes medios especializados e colabora na revista El Conocedor.
  • Petrus Coenders, sommelier xefe en El Dorado Spa Resorts & Hotels. Ten traballado en múltiples bares e restaurantes nos Países Baixos e en México.
  • Israel Aretxiga, cociñeiro, sommelier e locutor do programa Gastrolab Radio de El Heraldo de México.
  • Andrés Amor, chef-sommelier, consultor de restaurantes e sommelier instructor en México para a DO Rías Baixas.

Do 13 al 16 de setembro visitarán as subzonas de O Rosal, Condado e Salnés, así como as súas adegas, onde participarán en distintas catas e poderán tamén asistir ao inicio dos traballos de vendima. México é un mercado relevante para os viños desta Denominación de Orixe. En 2020 exportáronse un total de 198.436,50 litros de viño a este país, o que o coloca no noveno posto no Top 10 de países importadores de viños Rías Baixas.