Volver

23 de Setembro

Unha decena de importadores centroamericanos interésanse polos viños da D.O. Rías Baixas

23 de setembro de 2019. Unha trintena de adegas da D.O. Rías Baixas participan hoxe e mañá na misión comercial inversa organizada pola Cámara de Comercio de Pontevedra, Vigo e Vilagarcía de Arousa, en colaboración co Consello Regulador da D.O. Rías Baixas. Trátase da segunda edición desta actividade, que se iniciou o pasado ano con compradores asiáticos. Nesta ocasión os importadores proceden de Centroamérica. O acto oficial de apertura, que se desenvolveu no Hotel Ciudad de Vigo, estivo presidido polo director xerente da Cámara, José Manuel García Orois, que estivo acompañado polo presidente do Consello Regulador, Juan Gil de Araujo.

Os dez compradores proveñen de Costa Rica, e maioritariamente de Guatemala, El Salvador e Panamá. Estes prescriptores poderán coñecer e degustar os viños de trinta adegas, quince cada día. De todas elas, dezaseis sitúanse na subzona de Val do Salnés, nove do Condado do Tea, catro do Rosal e unha de Soutomaior. En total, está previsto celebrar case 300 encontros profesionais. Ademais, e como resultado destas reunións, os compradores dedicarán as tardes a visitar algunha das empresas participantes, así como os seus viñedos para coñecer os procesos de produción in situ, precisamente en época de vendima. Trátase de mercados potenciais e con gran futuro, en opinión das adegas de Rías Baixas, que amosaron grande interese por eles durante unha reunión de traballo sobre exportacións.  Grazas ao convenio de colaboración entre o Consello Regulador da D.O. Rías Baixas e a Cámara de Comercio de Pontevedra, Vigo e Vilagarcía de Arousa puídose organizar esta misión inversa. O seu obxectivo é incrementar a presenza dos viños de Rías Baixas en Centroamérica.

Esta acción está incluída no programa Plan Internacional de Promoción no marco do Programa Operativo de Crecemento Intelixente, para o periodo 2014-2020, e están cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) e o Consello Regulador da D.O. Rías Baixas cun orzamento total de 30.000 euros. A UE achega 24.000 dentro do Programa FEDER e o Consello Regulador suma os outros 6.000 euros.

O mércores está previsto que a delegación realice unha visita ao porto pesqueiro, que incluirá un paseo en barco pola Ría de Vigo, cunha parada nas bateas.

Mercado consolidado
América é un mercado moi relevante para os viños desta Denominación de Orixe. O pasado ano exportáronse ao continente 3.513.767 litros de viño por un valor de 20.620.081 euros. Conta con países no top ten de mercados exteriores como o primeiro, Estados Unidos; Puerto Rico, na terceira posición; Canadá e México na sétima e oitava, respectivamente.

Tanto Costa Rica como El Salvador, Guatemala e Panamá sumaron algo máis de 91.000 litros de viños de Rías Baixas importados durante o ejercicio 2018. A importancia deste continente para a D.O. Rías Baixas queda patente. Tanto é así que Estados Unidos foi o primeiro plan de exportación que desenvolveu o seu Consello Regulador. Actualmente conta con nove, tres deles centrados no continente americano: Canadá, que se iniciou este ano, Estados Unidos e México. Neste último destino a denominación organizará o 15 de outubro un showroom de viños de Rías Baixas. Cabe destacar que das 183 adegas inscritas a mayoría (103) estanse apoiando nalgún dos nove plans de exportación.