Tes a idade legal para consumir bebidas alcohólicas no teu país?
Para acceder aos contidos da nosa web debes ser maior de idade no teu país de residencia.
29 de maio de 2019.- Un grupo de 20 prescriptores alemáns visitan estes días a Denominación de Orixe Rías Baixas. Alemaña foi o quinto mercado de exportación dentro desta denominación no exercicio de 2018, de aí o interese desta misión inversa. Xornalistas especializados, sumilleres, importadores, profesores, enólogos, responsables de compras e de bares, tendas e de compras online forman este grupo de profesionais alemáns que se desprazaron ata Rías Baixas, acompañados do xefe do departamento de viño da Oficina Económica e Comercial de España en Düsseldorf, onde coñecerán adegas e viñedos de diferentes subzonas como son a do Salnés, Condado do Tea e O Rosal.
Este grupo visitará un total de sete adegas, repartidas por diferentes áreas da denominación. Esta mañá comezaron a súa andaina pola D.O. Rías Baixas no Pazo de Mugartegui cunha charla introductoria, impartida por un técnico do Consello Regulador. Seguidamente desprazáronse ata O Salnés, onde puideron coñecer dúas adegas, así como o seu característico viñedo en emparrado. Tamén aproveitaron para comprobar como se vive a floración nesta denominación. A xornada de traballo finalizou cun paseo en barco pola ría de Arousa.
Mañá centrarán a súa visita en tres adegas da subzona de Condado, onde descubrirán as características propias da viña e das súas elaboracións. O venres, último día desta misión inversa, dedicarán a xornada a coñecer a subzona do Rosal.
Alemaña é un dos mercados de maior interese para a Denominación de Orixe Rías Baixas. De feito, o Consello Regulador conta cun plan promocional propio, no que está incluída esta visita así como a participación anual na feira Prowein, entre outras actividades. En 2018 vendéronse ao país alemán 288.541,64 litros de viño da D.O. Rías Baixas, un volume que se incrementou nun 11,8 % respecto ao anterior exercicio.