Volver

21 de Decembro

A D.O. Rías Baixas protagoniza diferentes actividades en Estados Unidos, Reino Unido e Benelux

Continuando co seu Plan de Promoción internacional, a D.O. Rías Baixas desenvolveu varias actividades o pasado novembro: o  Great  Match New York, un túnel do viño en  Cardiff, Reino Unido e, tamén, desenvolveron uns seminarios de formación en escolas de hostalería e sumillería de  BENELUX. Nas accións de Nova York e Reino Unido participaron un total de 49 marcas da D.O. Rías Baixas.

O tradicional Great Match New York, que tivo lugar o pasado 15 de novembro, co seu Mercado Little Spain está considerado o evento do viño español en Estados Unidos. Conta co patrocinio do  ICEX. Os viños de Rías Baixas estiveron presentes unha edición máis con 12 marcas. Neste  great  match participaron máis de oitocentos de medios nacionais, profesionais da industria e educadores do viño de diferentes estados.

O Túnel do Viño de Cardiff, que se celebrou o pasado 30 de novembro, resultou todo un éxito e nel participaron 25 profesionais de Gales. Como mestres de cerimonias o chef Owen Morgan, quen deseñou un orixinal menú para a ocasión e a columnista en The Guardian,  Fiona Becket. O acto comezou cunha cata que logo deu paso a un xantar maridaxe. Os profesionais do sector que incluía importadores, catadores, algún xornalista, establecementos de hostalería.

A estas actividades hai que sumar os seminarios formativos realizados en Escolas de Hostalería e  Sumillería do  BENELUX durante todo o mes de novembro. En cada un dos seminarios participaron 8 marcas da D.O. Foron un total de 12 centros de formación nas seguintes cidades: Anveres, Namur, Ath, Waterloo, Koksijde, Bruxas, Kortrijk, Lovaina, Bruxelas, Gante, Spa e Charleroi. Participarán un total de 8 marcas en cada seminario.

Estes mercados de exportación dos viños de Rías Baixas atópanse nos principais postos do top-ten. O seu comportamento na última campaña de exportación 2020-21 foi moi bo. No caso de Estados Unidos (+13,36%), Reino Unido (+13,66%) ocupan a primeira e a segunda posición da clasificación, mentres que Holanda (+50%) ocupa a quinta e Bélxica a duodécima posición.