53 marcas da D.O. Rías Baixas acoden por primeira vez á feira lituana Vyno Dienos 2019


3 de maio de 2019.- 53 marcas da D.O. Rías Baixas, pertencentes a 29 adegas, participan por primeira vez hoxe e mañá na feira Vyno Dienos (Días do viño) 2019 en Vilnius, Lituania. Trátase dun mercado potencial para a Denominación de Orixe Rías Baixas e tamén para os viños españois. De feito, é a primeira vez que esta denominación acode a esta feira, así como Wines from Spain cun stand nacional.

Das 29 adegas de Rías Baixas participantes só catro contan con importador en Lituania. Por iso é tan importante a participación nesta cita, porque se trata dun país con pouca tradición vinícola que satisfai a súa demanda a través da importación. España é un dos principais países produtores de viños que venden a Lituania.

O mercado lituano apreza moito os viños brancos afroitados con sabores frescos e lixeiros, un segmento no que destacan os Rías Baixas. Por iso, o stand da denominación conta cunha ampla mostra con 22 marcas da colleita 2018, 19 da 2017, 6 de 2016, unha de 2015 e outra de 2012, así como un escumoso Rías Baixas.

Na actualidade Rías Baixas exporta 1.804 litros a Lituania, mentres que a Letonia véndense 5.045 litros e a Estonia 2.795 litros. Deste xeito, esta cita supón unha primeira toma de contacto co mercado báltico. Vyno Dienos é a feira máis grande de vinos desta rexión, a de máis rápido crecemento de todo o norte de Europa. Ata alí desprazáronse o secretario xeral do Consello Regulador e a directora do departamento de mercadotecnia, Ramón Huidobro e Eva Mínguez.